Aprobada a moción do BNG de adhesión ao proxecto de Augas de Galiza de autoxestión das augas.
O BNG presentou unha moción, aprobada polo pleno, para solucionar os problemas de subministro de auga nas parroquias de Marín.
Propostas do BNG de apoio ao sector da hostalaría en Marín
Posición do BNG ante a renuncia da Sra. Ramallo ao seu escano no Congreso
Campaña de apoio ao comercio local
O BNG de Marín presenta a campaña de apoio ao comercio local que se está a desenvolver en todo o país “Mellor comercio local, mellor produto galego”
O BNG insta ao goberno local a definirse sobre o uso que pretende para a Casa do Mar
O BNG reclama do goberno local unha definición sobre o uso que lle quere dar as instalacións do inmoble da Casa do Mar de Marín , e insta ao grupo do PP a que aclare o contido dos contactos que afirman ter mantido cos titulares do edificio.
A indefinición do PP
Alegrámonos de que o PP recupere o sentido común e estea dacordo co BNG en iniciar as xestións para que o inmoble pase a ser de uso municipal. Por suposto que o BNG non discute os prazos do proceso de transferencia. O que reclamamos do goberno local é que se defina co uso que pretende darlle a estas instalacións, porque entre os prazos e, o máis a grave indecisión do equipo de goberno do PP, poderían facer disto un proceso interminable, do mesmo xeito que o é o tema da Aduana á que fan mención para albergar os servizos sociais.
Se é certo que levan tempo mantendo contactos cos titulares do edificio, o goberno local debería explicar o contido deses contactos, o contrario lévanos a preguntar que ocultan.
O BNG propuxo ante a cidadanía de Marín un uso desas instalacións de xeito transparente, participativo, atendendo as demandas dos nosos veciños e veciñas, e orientado as súas necesidades. Por contra, ou ben o grupo de goberno do PP non quere desvelar as verdadeiras intencións para este edificio ou, o que sería máis grave, gravitan polo concello faltos de ideas e entregados á unha insoportable improvisación.
Anterior acordo
Se no 2009 se acordou darlle un uso asistencial, foi porque todos os partidos que o firmamos levábamos nos programas propostas claras neste sentido, e nos creímos (inocentes nos…) que tratarían de facer o prometido nos programas (tal e como trata de facer sempre o BNG) e que ningún goberno cometería a irresponsabilidade de deixar a actividade cívico-cultural de lado. Pero ante a indiferenza que este goberno municipal mantén coas demandas da cidadanía dun centro para poder realizar este tipo de actividades, repetimos, que tanto reclama a cidadanía en xeral e, de xeito moi particular, a xuventude (que recorre a outros concellos veciños para disfrutar do que non teñen no seu concello) o BNG non pode ignoralas.
Mais, por moito que solicitamos do PP que nos digan o uso que lle van dar, contéstannos como o fixo o seu anterior lider Aznar en tono Tex-Mex “Estamos trabajando en ello…”
Temos que lembrarlle á señora alcaldesa que foi ela quen prometeu dous Auditorios (un por cada proceso electoral), que poderían paliar algunha das carencias endémicas que padece o noso concello por un xeito de gobernar un tanto errático, moi dado a improvisación e totalmente falto de ideas, como se demostra no xeito de abordar a grande oportunidade que se lle presenta a este concello coa cesión de este edificio de privilexiada situación e superficies suficientes para atender estas demandas.
A proposta do BNG
A proposta do BNG pasa por non trasladar ningún dos servizos que actualmente funcionan no edificio, en todo caso melloralos.
Non hai mellor ubicación para a gardería que a que ten na actualidade, e o BNG está en contra de calquera intento de traslado da mesma.
Este servizo é totalmente compatible coa creación dun equipamento sociocultural de carácter público, que responda á demanda cidadá de equipamentos para o tecido asociativo e participativo de Marín. Un espazo polivalente, adaptado para distintos usos e para dar cabida a grupos e entidades, especialmente entre a poboación xuvenil.
Marín, 5 de novembro de 2016