Posición do BNG ante a renuncia da Sra. Ramallo ao seu escano no Congreso
O anuncio da dimisión de María Ramallo como deputada no Congreso dos Deputados vén darnos a razón cando dende o BNG afirmamos que era imposíbel compatibilizar os dous cargos, o de alcaldesa de Marín e deputada no Congreso, despois de que anunciara que pretendía exercer ambos.
Naquela altura, o BNG definiu o anuncio de “tomadura de pelo e absoluta falta de respecto á veciñanza de Marín”.
É de sentido común que tratar de desenrolar á vez o cargo de deputada nas Cortes co de alcaldesa dun concello de 24.000 habitantes resulta inviábel, xa que soamente a xestión dun concello require disposición absoluta, e máis un concello como Marín, en franca decadencia na última década. E por outra banda, o cargo de deputado nas Cortes Xerais tamén esixe adicación plena, salvo que se vaia a Madrid a quentar un escano, polo que se non se vai exercer plenamente resulta un fraude cara a provincia que a elixiu.
O Partido Popular de Marín está utilizando as institucións para beneficio persoal, compatibilizando cargos que son imposíbeis de exercer ao mesmo tempo, o que nos parece inmoral e un fraude cara a cidadanía. A sra Ramallo ou ben enganou ao pobo de Marín cando se comprometeu como alcaldesa de Marín ou ben enganou á cidadanía da provincia de Pontevedra presentándose como cabeza de lista, tratando de compatibilizar os dous cargos.
Dicir que agora renuncia ao seu posto como deputada en Madrid ante as complicacións que a pandemia está ocasionando, parécenos utilizar a situación que estamos vivindo como a excusa perfecta para xustificarse, xa que como ben dí a Sra. Ramallo, dende que se declarou a pandemia non ten que acudir presencialmente a Madrid podendo exercer o seu traballo telematicamente. Veremos si o verdadeiro motivo da súa dimisión non é outro que deixar de exercer como deputada no congreso, para pasar a ocupar un cargo na administración galega na etapa PostFeixoo.
Desde o BNG consideramos que a causa da súa renuncia é imposíbel compatibilizar os dous cargos e que é tal o descontrol no goberno municipal de Marín que se veu na obriga de ter que dimitir para adicarse ao Concello, e iso que conta cun grupo municipal de 15 concelleiros/as.
En política hai que traballar con honestidade e responsabilidade, e cando se acada un compromiso coa cidadanía hai que cumprilo, xa que cando se exerce un cargo público, se de verdade se quere facer un bo traballo, este esixe adicación e tempo. Pero á vista está que no PP en Marín isto non parece importar demasiado, pois hai escasos días o tenente de alcalde e concelleiro de “urbanismo, facenda, persoal, vivenda, emprego, empresa, tecnoloxías da información e comunicación e coordinación das áreas de goberno”, vén de anunciar o seu novo cargo como deputado no Parlamento Galego.
Ou ben no PP de Marín pretenden ter unha capacidade superior e poderes “paranormais” para asumir responsabilidades, cousa que non o parece a simple vista, dada a preocupante situación do noso Concello, cunha gran perda de poboación ano tras ano desde que asumiron o goberno no ano 2011 (-1755, unha caída do 6´75%), ou como xa dixemos hai uns meses, están tomándonos o pelo.