O BNG presenta nestas eleccións municipais un equipo competente, con capacidade e ilusionado, e un programa moi completo, froito dun profundo traballo de análise e debate, para por en marcha a necesaria transformación que Marín merece.
MERECEMOS CALIDADE DE VIDA
O BNG desenvolverá un modelo de concello para as persoas, cuns espazos públicos amables e cómodos, cuns servizos públicos de calidade e cunha importante oferta de lecer e actividades que permitan o maior benestar da veciñanza e a satisfacción das súas necesidades.
MERECEMOS UN MARÍN DINÁMICO
O BNG impulsará e dinamizará a economía local e a creación de emprego con propostas destinadas a favorecer a actividade das empresas e unha aposta decidida polo comercio local, así como fomentará a actividade social e cultural para facer de Marín un concello vivo.
MERECEMOS CONSERVAR O NOSO PATRIMONIO:
O BNG potenciará a posta en valor do noso patrimonio natural e cultural, símbolo da nosa identidade e creador de oportunidades. O BNG aproveitará o noso rico patrimonio para promover un turismo sustentable e de calidade ao longo de todo o ano.
MERECEMOS UNHA VILA ABERTA AO MAR
O BNG impulsará propostas dirixidas a abrir Marín ao mar, mediante a negociación e a colaboración co Ministerio de Defensa e a Autoridade Portuaria. Marín non pode vivir de costas ao mar, polo que conectar o centro urbano co litoral será un obxectivo preferente.
MERECEMOS APOSTAR POLA MOCIDADE
O BNG situará á mocidade como colectivo prioritario da súa política, pois a nosa xuventude é o presente e o futuro do noso concello. Promover medidas para que a mocidade poida vivir en Marín será un dos piares fundamentais do BNG.
MARÍN MERECE MÁIS!
Que Marín é unha vila desorientada, en declive, invadida polo desconcerto respecto ao futuro e cun pesimismo crecente día a día é, por desgraza, un diagnóstico certo da situación na que levamos doce anos e que se traduce nunha disminución continua de poboación, decrecemento da actividade comercial, perda de servizos bancarios, falla de perspectivas en diversos ámbitos e con especial enfoque no presente e futuro da nosa mocidade, nulo desenrolo do Plan Xeral de Urbanismo, etc....
O BNG preséntase a estas eleccións municipais cunhas ideas claras de como debe ser o Marín dos vindeiros anos. Non podemos refuxiarmos na nostalxia do pasado e temos que encarar a realidade cunha alternativa de goberno intelixente, transparente, eficaz, dinámica, ilusionante e modernizadora.
Para sacar a Marín da situación na que se atopa e darlle perspectivas de futuro é necesario:
Converter ao Concello no catalizador de sinerxías: o Concello é a institución que mellor pode servir para planificar e coordenar as enerxías e plans do presente e do futuro. O modelo BNG de xestión de concellos é un modelo de éxito que fai que os concellos gobernados polo BNG sexan hoxe referentes non só a nivel galego, senón a nivel internacional.
Partir da realidade: Non podemos pretender ser o que non somos e laiarnos todos os días do Marín que puido ser o non foi. Ese Marín non volverá pero temos que loitar con todas as nosas forzas por recuperar parte da súa esencia.
Recuperar a autoestima e crer no noso potencial e no futuro próximo: Marín é un concello cun gran potencial, ubicado nun enclave privilexiado. As/os marinenses temos que recuperar o noso orgullo de ser quen somos e confiar no futuro. Temos un dinamismo social suficiente para que, colectivamente, mudemos o presente e academos un novo futuro, implicando a nosa mocidade, os nosos maiores, as mulleres, os migrantes, as persoas con distintas capacidades; porque todas temos moito que aportar neste proxecto común de cambio de rumbo.
No BNG traballamos para conformar UN NOVO MARÍN CONTIGO: o Marín ambicioso, ilusionante, dinámico, vivo e con futuro que todos e todas as marinenses soñamos.
Un Marín eficaz na xestión municipal, transparente e participativo, igualitario e feminista, dotado dun modelo sostible e capaz de xenerar dinamismo económico, elaborando con urxencia os pendentes Plans de Protección Integral dos Cascos Históricos, cunha programación cultural estable no centro e nos barrios e parroquias, apostando pola adquisición e recuperación de edificacións emblemáticas, un Marín máis verde e que defenda con coraxe uns servizos públicos de calidade en xeral e da sanidade en especial.
En definitiva, desexamos contar CONTIGO para construir ese NOVO MARÍN de futuro que nos merecemos.