O BNG esixe medidas urxentes ante a situación de abandono das Pedreiras

Lavadoiro das Pedreiras
Lavadoiro das Pedreiras

Lucía Santos manifesta que o goberno local non pode permitir que un espazo de uso veciñal tan importante como a contorna do lavadoiro das Pedreiras continúe nun estado de abandono. Ademais, lamenta que malia as reiteradas queixas e demandas trasladadas, a resposta do PP siga a ser a inacción

O BNG esixe medidas urxentes ante a situación de abandono das Pedreiras

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) leva tempo trasladando, ao goberno local do Partido Popular (PP) as demandas da veciñanza da zona das Pedreiras ante a falta de limpeza e mantemento dos espazos públicos, unha situación que, lonxe de mellorar, continúa agravándose por falta de actuación municipal.

A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos Omil, lembra que desde o pasado mes de marzo o lavadoiro das Pedreiras permanece sen subministración de auga debido á rotura dunha tubería. Segundo a información facilitada polo Concello, a reparación da avaría non poderá acometerse de maneira inmediata por non existir consignación orzamentaria para executar as obras necesarias.

Esta situación está a provocar un progresivo deterioro do espazo, ao que se suma a utilización inadecuada da contorna e a ausencia de medidas de mantemento regulares. A isto engádese a realización reiterada de necesidades fisiolóxicas no lavadoiro, unha problemática que a falta de auga está a agravar ao impedir a súa adecuada limpeza, xerando importantes problemas de salubridade e unha crecente sensación de abandono entre a veciñanza.

“O goberno municipal non pode permitir que un espazo de uso veciñal se converta nun foco de suciedade e deixadez. Levamos meses trasladando estas queixas e a resposta segue a ser o silencio e a inacción”, sinala Santos Omil.

Mentres non se acometa o arranxo definitivo do lavadoiro e a reposición do servizo de auga, a formación nacionalista solicita que o Concello garanta, cando menos, unha limpeza asidua do lugar e da súa contorna para evitar problemas de saúde pública e ofrecer unhas condicións dignas para a veciñanza.

O BNG insiste en que o Concello ten a responsabilidade de garantir unhas condicións mínimas de hixiene, seguridade e mantemento nos espazos públicos, evitando que unha zona emblemática como esta continúe a proxectar unha imaxe de abandono.

O BNG esixe medidas urxentes ante a situación de abandono das Pedreiras