Lucía Santos será a candidata do BNG á alcaldía de Marín en 2027
Lucía Santos reúne as condicións necesarias para liderar un proxecto ambicioso para Marín. A súa experiencia institucional, a súa capacidade de diálogo e a súa proximidade á veciñanza convértena na persoa idónea para encabezar a candidatura nacionalista nas eleccións municipais de 2027
O Consello Local do BNG de Marín acordou por unanimidade propoñer a Lucía Santos Omil como candidata á Alcaldía nas eleccións municipais de 2027, unha proposta que foi ratificada pola Asemblea Local celebrada o pasado 5 de xuño. Con esta decisión, a organización nacionalista continua o ciclo político coa ilusión, a experiencia e a fortaleza acumuladas nos últimos anos, preparada para liderar o futuro do concello.
Lucía Santos representa a candidata idónea, con experiencia, capacidade de traballo e un profundo coñecemento da realidade do concello, para encabezar o proxecto nacionalista. Desde que asumiu a responsabilidade de liderar a organización local en 2018, nun contexto especialmente complexo, contribuíu decisivamente á recuperación e fortalecemento do BNG en Marín. Da man do traballo colectivo da militancia, a organización foi consolidando a súa presenza institucional e social, iniciando un ciclo de crecemento que tivo o seu reflexo nos sucesivos avances electorais e na consolidación do BNG como unha forza política de referencia na vila.
Actualmente, Lucía Santos lidera un grupo municipal cohesionado, activo e comprometido coa defensa dos intereses da veciñanza. O traballo desenvolvido durante este mandato permitiu consolidar o BNG como a principal forza da oposición e alternativa real ao goberno local do Partido Popular (PP). Desde a súa responsabilidade á fronte do grupo municipal, impulsou unha oposición firme e construtiva, baseada na fiscalización da acción do goberno, na presentación de propostas a mellorar a calidade de vida da veciñanza e na defensa constante das necesidades e demandas da cidadanía.
Xunto ao resto de compañeiros e compañeiras da agrupación municipal da formación nacionalista e ao conxunto da organización, mantén unha presenza permanente nos barrios, nas parroquias e entre o tecido asociativo, comercial e hostaleiro do concello, fortalecendo a relación directa coa veciñanza e trasladando ás institucións as súas preocupacións e propostas.
Para o BNG, Lucía Santos reúne as condicións necesarias para liderar un proxecto ambicioso para o futuro do concello. A súa experiencia institucional, a súa capacidade de diálogo, o seu coñecemento da realidade local e a súa proximidade á veciñanza convértena na persoa idónea para encabezar a candidatura nacionalista nas eleccións municipais de 2027.