O BNG denuncia a falta de solucións para dotar de sombra a zona de xogos do espazo Alcalde Blanco

Tino Iglesias, concelleiro do BNG de Marín

Tino Iglesias denunciou que o Espazo Alcalde Blanco afrontará outro verán sen zonas de sombra para as crianzas. O BNG critica que, tras máis de dous anos de reclamacións, o Goberno local continúe sen dar resposta a unha demanda reiterada da veciñanza

O BNG denuncia a falta de solucións para dotar de sombra a zona de xogos do espazo Alcalde Blanco

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) volveu solicitar a instalación de elementos de sombra na zona de xogos do Espazo Alcalde Blanco, atendendo a unha demanda reiterada da veciñanza. A formación nacionalista lembra que este espazo conta cun grande potencial para o desfrute das crianzas durante o verán, mais carece de áreas acondicionadas que as protexan das altas temperaturas, unha situación que pode supoñer un risco para a saúde pública.

Esta problemática xa foi trasladada polo BNG no ano 2023. No Pleno da Corporación municipal celebrado o 13 de xullo dese ano, a concelleira nacionalista Celia García reclamou a instalación dalgún sistema que proporcionase sombra ás familias usuarias da zona. Naquel momento, García xa advertía de que “esta circunstancia é un detalle evidente que xa debera estar previsto no proxecto de instalación da zona de xogos acuáticos”.

Máis de dous anos despois, o concelleiro do BNG, Tino Iglesias volveu levar esta cuestión ás institucións municipais, no pasado pleno celebrado o 18 de xuño. Segundo explica a formación, a resposta do Goberno local do Partido Popular (PP) foi que xa se realizaran xestións e solicitudes a varias empresas para instalar algún elemento de sombra, aínda que recoñecendo ao mesmo tempo que dificilmente estará dispoñible para este verán.

Desde o BNG consideran unha falta de respecto que, tras máis de dous anos de reclamacións públicas e propostas concretas, o PP continúe sen ofrecer unha solución efectiva para unha necesidade básica nun espazo destinado ao lecer infantil durante os meses de maior calor.

A organización nacionalista pregúntase se o Goberno local “vive nun estado de amnesia que lle impide lembrar as demandas que leva anos realizando a veciñanza e trasladando o BNG” ou se, pola contra, considera que a cidadanía non merece explicacións serias sobre unha problemática evidente e reiteradamente denunciada.

O BNG insiste en que a instalación de zonas de sombra debe ser unha actuación prioritaria para garantir un uso seguro e confortable deste espazo público.

O BNG denuncia a falta de solucións para dotar de sombra a zona de xogos do espazo Alcalde Blanco