O BNG lamenta que o PP rexeite mellorar o transporte público
Davinia Lojo lamenta que o PP rexeitase reclamar á Xunta un transporte público digno, malia as continuas deficiencias do servizo que afectan á veciñanza: "Mentres o PP asegura que todo funciona ben, hai persoas que seguen tendo dificultades para chegar ao seu posto de traballo, ao instituto, á universidade ou ao hospital"
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) lamenta que o Partido Popular (PP) votase en contra da moción presentada no pleno celebrado o pasado 8 de xullo para reclamar á Xunta de Galicia a mellora do transporte público no Morrazo. A formación nacionalista considera especialmente preocupante que o equipo de goberno local xustificase o seu voto asegurando que as conexións actuais funcionan correctamente e que non existe un problema real co servizo.
Segundo o BNG, esta posición evidencia un profundo descoñecemento da realidade que afrontan diariamente as persoas usuarias. Estudantes, persoas traballadoras, persoas maiores, persoas con diversidade funcional e a veciñanza das parroquias e do rural son, afirman, quen máis sofre as consecuencias dun servizo insuficiente, marcado pola falta de frecuencias, as dificultades para desprazarse entre concellos e parroquias, os incumprimentos horarios e a escaseza de conexións cos principais centros educativos, sanitarios e laborais.
A moción defendida polo BNG recollía un conxunto de propostas para mellorar a mobilidade na comarca, entre elas a creación dunha verdadeira rede de autobús comarcal, a recuperación do servizo nocturno, o reforzo das conexións con Vigo e Pontevedra, a mellora do transporte escolar e universitario, a adaptación das paradas e o cumprimento da Lei de Accesibilidade en toda a frota.
A concelleira do BNG, Davinia Lojo, sinala que estas demandas son coherentes co propio Plan de Transporte Público de Galicia aprobado pola Xunta, polo que considera incomprensible que o PP se negase mesmo a reclamar o cumprimento duns compromisos xa asumidos polo Goberno galego.
"O máis preocupante non é só que votasen en contra da moción, senón que pretendan transmitir que non existe ningún problema. Iso supón ignorar as reclamacións que a veciñanza leva facendo durante anos e dar as costas ás necesidades reais da comarca", sinala Lojo.
Para o BNG, negar a realidade non resolverá as carencias existentes. "Mentres o PP asegura que todo funciona ben, hai persoas que seguen tendo dificultades para chegar ao seu posto de traballo, ao instituto, á universidade ou ao hospital sen depender do coche privado. O transporte público debe ser un servizo útil, accesible e adaptado ás necesidades da veciñanza, conclúe a formación nacionalista.