O BNG denuncia a falta de ambición do PP nos Orzamentos de 2026
Lucía Santos considera especialmente grave que o goberno municipal presente uns orzamentos continuistas nun ano no que a normativa estatal permite destinar os aforros municipais a investimentos. O PP desaproveitou unha oportunidade excepcional para impulsar proxectos estratéxicos e mellorar os servizos públicos.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) considera que os orzamentos municipais de Marín para 2026 son continuistas e pouco ambiciosos. Aínda que ascenden a máis de 18,5 millóns de euros, a maior cifra da historia do Concello, o incremento respecto ao ano anterior non responde a novos proxectos nin a prioridades transformadoras, senón principalmente ao aumento do custo dos servizos correntes, que representan máis do 55 % do total, especialmente polo novo contrato de recollida de residuos.
Detrás das cifras dos orzamentos hai unha dirección política que o Partido Popular (PP) leva quince anos perpetuando: o inmobilismo. Tanto nas contas como no debate sobre o futuro do concello evítase definir cara a onde debe avanzar Marín. “Os orzamentos evidencian un funcionamento meramente estrutural da administración, sen capacidade transformadora para afrontar retos como o acceso á vivenda, a mellora dos servizos públicos ou a dinamización económica e social da vila”, afirma Lucía Santos, portavoz do grupo municipal nacionalista.
Esta falta de ambición resulta aínda máis evidente en 2026, cando a normativa estatal permite ás entidades locais destinar o superávit e os remanentes de tesourería a financiar investimentos. Ademais, a actualización das entregas a conta da participación nos tributos do Estado suporá para Marín un incremento de máis de 367.000 euros respecto ás previsións iniciais. Desde o BNG consideran que estas circunstancias deberían servir para impulsar unha planificación inversora máis ambiciosa.
O goberno local do PP segue demostrando unha falta total de iniciativa para aumentar a capacidade financeira do Concello, dependendo cada vez máis das transferencias doutras administracións para sacar adiante a xestión diaria. Mentres tanto, recorre de forma habitual ás modificacións de crédito e aos recoñecementos extraxudiciais para resolver problemas sobre a marcha, convertendo a improvisación nunha forma habitual de gobernar.
As consecuencias desta falta de planificación son visibles no día a día da veciñanza: estradas municipais en mal estado, rúas sucias, instalacións sen o mantemento necesario e servizos sen cubrir. As goteiras na biblioteca, no multiusos da Praza de Abastos, ou na Casa de Cultura de Seixo, o deterioro dos parques infantís, da finca de Briz, da piscina municipal ou dos accesos ás praias, son algúns exemplos. A isto súmase a falta de persoal municipal, con máis de vinte vacantes sen cubrir tras diversas xubilacións, o que debilita cada vez máis a capacidade do Concello para prestar servizos públicos de calidade.
“Cando un orzamento de máis de 18 millóns de euros non é capaz de explicar que modelo de vila se quere construír para os próximos anos, o problema non está nas cifras, senón na falta de ambición política para utilizalas como ferramenta de transformación”, conclúe Lucía Santos.