O BNG denuncia a falta de información e medidas de seguridade no antigo cemiterio de chalanas
O grupo municipal do BNG lembra que o antigo Cemiterio de Chalanas acumula un investimento público de 650.000 euros e denuncia que aínda non existe unha explicación clara sobre os usos permitidos
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que a dársena se está a consolidar como zona de baño sen que o Goberno local do Partido Popular (PP) aclare se este uso é compatible coa normativa portuaria nin que medidas de seguridade ten previsto adoptar. A formación lembra que xa presentara alegacións ao proxecto municipal hai dous anos, nas que advertía de posibles deficiencias administrativas e cuestionaba a viabilidade legal do cambio de usos.
Segundo explica a organización nacionalista, esta preocupación foi trasladada de forma reiterada nas comisións informativas e tamén no pleno celebrado o pasado 8 de xullo, onde solicitou aclaracións sobre os usos permitidos na dársena e as medidas de seguridade previstas ante a presenza habitual de persoas bañándose neste espazo. A formación confirma que, ata o momento, o executivo local non ofreceu unha resposta clara.
O grupo municipal do BNG lembra tamén que o antigo Cemiterio de Chalanas foi obxecto dun investimento público de 650.000 euros, dos que 300.000 euros corresponden ás obras de reparación da dársena. A este desembolso súmase a imposición dun canon anual de 13.081,62 euros que deberá asumir o Concello pola concesión do espazo. Para o BNG, resulta incomprensible que, tras este importante esforzo económico, a veciñanza continúe sen coñecer con claridade cal será o uso definitivo do espazo.
Para o BNG, a situación actual é consecuencia do modelo escollido polo Goberno do PP para este enclave, unha decisión que a formación xa cuestionara durante a tramitación do proxecto. Os nacionalistas lembran que xa defenderan que este espazo, situado nunha contorna de marisma e estreitamente vencellado á historia mariñeira da vila, debía converterse nun museo ao aire libre dedicado á conservación e divulgación do patrimonio, unha proposta que o Museo do Mar puxo en valor recentemente durante a conmemoración do Día do Mar.
O grupo municipal do BNG reclama ao Goberno local que aclare de inmediato a situación legal deste espazo, adopte as medidas de sinalización e seguridade necesarias.