O BNG logra o apoio da Corporación para reclamar á Xunta medidas de seguridade viaria na PO-551

Tino Iglesias destaca que as medidas para garantir a seguridade viaria responden a unha demanda histórica da veciñanza de Mogor ante as velocidades excesivas rexistradas na PO-551

O BNG logra o apoio da Corporación para reclamar á Xunta medidas de seguridade viaria na PO-551

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) defendeu no último Pleno da Corporación de Marín, celebrado o pasado 8 de xullo, unha moción para reclamar á Xunta de Galiza a adopción de medidas de cara a reducir a velocidade na estrada autonómica PO-551 ao seu paso pola parroquia de Mogor, dando resposta a unha reivindicación histórica da veciñanza.

O concelleiro da formación nacionalista, Tino Iglesias, lembrou que este tramo soporta diariamente un importante volume de tráfico e atravesa unha zona habitada na que conviven vehículos, peóns, accesos a vivendas, paradas de transporte público e os desprazamentos cotiáns da veciñanza. Esta situación xera desde hai anos preocupación polas velocidades excesivas ás que circulan numerosos vehículos, o que incrementa a sensación de inseguridade e o risco de accidentes.

Durante o debate, o Grupo Popular (PP) manifestou compartir o fondo da proposta e mostrou o seu acordo cos obxectivos perseguidos, o que permitiu a aprobación da iniciativa co respaldo do conxunto da Corporación. Desde a organización nacionalista valoran moi positivamente o acordo alcanzado e destacan que o importante era que a Corporación falase cunha soa voz para trasladarlle á Xunta unha demanda histórica da veciñanza da parroquia.

Segundo recolle a moción aprobada, será a administración galega a que teña que realizar un estudo específico de seguridade viaria para, a partir das súas conclusións, determinar as medidas máis axeitadas para mellorar a seguridade e reducir a velocidade do tráfico na zona.

O BNG subliña que fará seguimento deste acordo para que non quede nunha simple declaración de intencións, e reclama que a Xunta execute con prontitude as actuacións necesarias para garantir unha mobilidade máis segura para toda a veciñanza de Mogor.

O BNG logra o apoio da Corporación para reclamar á Xunta medidas de seguridade viaria na PO-551