O BNG rexeita as actuacións no Castro da Subidá

IMG_20210206_174752
IMG_20210206_174752

A Portavoz Municipal do BNG, Lucía Santos, non asistiu á visita institucional das obras do castro de A Subidá realizada na mañá deste xoves coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o goberno municipal, pois “as actuacións levadas a cabo son un atentado ao patrimonio arqueolóxico”.

O BNG rexeita as actuacións no Castro da Subidá

Lucía Santos lembra que “no pasado mes de novembro o BNG de Marín xa manifestou a súa oposición ás actuacións que o ministerio de Fomento, en convenio coa Deputación de Pontevedra a través da área “Turismo Rías Baixas”, estaba realizando no Castro de A Subidá no denominado proxecto Trazas de Pontevedra I.”

E prosegue, “naquela altura solicitamos a paralización das obras que se estaban realizando no castro e a reformulación do proxecto desde unha perspectiva respectuosa coa conservación, estudo e posta en valor do patrimonio arqueolóxico, pois en realidade son un atentado ao mesmo.”

A Portavoz Municipal insiste en que “dende o BNG consideramos que as obras que se realizaron, no marco do Proxecto de Restauración e Musealización dos Xacementos Galaico-romanos de Pontevedra, supoñen actuacións moi invasivas e pouco respectuosas co xacemento, que nada ten que ver coa restauración e posta en valor do castro.”

Os traballos realizados son máis ben de urbanización e conversión do castro nunha especie de parque temático, que non ten en conta as características da contorna.

O BNG lamenta que non se tivera en conta a petición trasladada dende o grupo parlamentar á Xunta de Galiza, na que se solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio a paralización inmediata da execución das obras que se estaban levando a cabo e evitar a agresión realizada no castro.

O proxecto denominado Trazas de Pontevedra ten previstas actuacións semellantes nunha quincena de xacementos da provincia de Pontevedra, o que supón unha actuación de “estandarización” de todos os castros da provincia, sen ter en conta as particularidades de cada lugar nin respectar a contorna.

É por todo isto que dende o BNG rexeitamos as obras levadas a cabo do castro de A Subidá, polo que nunha postura coherente decidimos non asistir á visita institucional desta mañá.

O BNG rexeita as actuacións no Castro da Subidá