O BNG insiste na retirada da proposta de modificación do regulamento de control de pesca
O BNG de Marín ven de solicitar ao Concello o traslado ao goberno da Xunta e subdelegación de goberno do acordo acadado no pasado Pleno municipal celebrado o pasado 8 de abril, tras o debate da moción do BNG, no que se pide a retirada da proposta de modificación do regulamento de control de pesca, aprobada pola maioría dos deputados e deputadas no Parlamento Europeo.
Esta moción, presentada por vía de urxencia, na que solicitamos o apoio da corporación municipal para esixir á UE a eliminación da modificación do Regulamento que afecta á frota artesanal, foi aprobada cos votos do BNG e PP e a abstención do PSOE.
A Portavoz Municipal do BNG, Lucía Santos, “considera que a obrigatoriedade de esixir ao segmento de frota artesanal o diario electrónico a bordo e a súa transmisión é na práctica algo moi gravoso para a pesca e o marisqueo, porque supón unha carga desproporcionada para os barcos e a súa capacidade de faenar.”
Lucía Santos afirma que “o BNG chama a unha revisión, para que tanto o Goberno Galego como o do Estado esixan en Bruxelas que a presentación dos datos de capturas en formato impreso poida seguir sendo posible, como alternativa, para os buques pesqueiros de eslora total inferior a 12 metros, e que Galiza exerza as súas competencias proprias en materia pesqueira rexeitando esta imposición.”
A Portavoz Muncipal lembra que “dende que foi presentada a proposta da Comisión Europea, o BNG criticou duramente a proposta do diario electrónico para a pesca artesanal, a xeolocalización e a de instalación de cámaras nas embarcacións para controlar a obriga do desembarque das capturas xa que a instalación de videovixilancia supón unha medida excesivamente invasiva.”
As imposicións da UE están creando unha serie de trámites administrativos aos mariñeiros coa aplicación dunhas medidas totalmente alleas á realidade do sector pesqueiro galego.