O BNG denuncia a discriminación do galego no castro de A Subidá

IMG20210418194813
IMG20210418194813
Lucía Santos declara que “se os traballos no castro supoñen un atentado ao noso patrimonio arqueolóxico, os paneis informativos son un atentado lingüístico que non imos tolerar”
O BNG denuncia a discriminación do galego no castro de A Subidá
O BNG xa manifestou en varias ocasións que a actuación levada a cabo no castro de A Subidá, encadrada no proxecto ”Trazas de Pontevedra I” impulsado polo Ministerio de Fomento en convenio coa Deputación de Pontevedra a través da área “Turismo Rías Baixas”, no marco do Proxecto de Restauración e Musealización dos Xacementos Galaico-romanos de Pontevedra, supuxo unha actuación invasiva e pouco respectuosa co xacemento, que nada ten que ver coa restauración e posta en valor do castro.
Mais a Portavoz Municipal do BNG, Lucía Santos, denuncia que “esta actuación tamén supuxo un desprezo ao idioma galego, xa que os paneis informativos que foron colocados amosan a información do castro en lingua castelá na parte dianteira dos mesmos, relegando á parte traseira a información no idioma galego e inglés.”
Lucía Santos engade que “por unha banda esta actuación supón a ocultación do idioma galego, xa que a visibilidade é nula e o acceso á parte traseira dos paneis é insegura na maioría dos paneis, e por outra banda coloca ao galego nunha posición de inferioridade ao castelán e o equipara a unha lingua estranxeira como é o inglés.”
En palabras da Portavoz Municipal, “se os traballos no castro supoñen un atentado ao noso patrimonio arqueolóxico, os paneis informativos son un atentado lingüístico que non imos tolerar, polo que o BNG xa solicitou á Presidencia da Deputación de Pontevedra que se leve a cabo a substitución dos paneis informativos por outros nos que se visualice perfectamente a información en todos os idiomas, mais onde o galego teña un papel preferente, e dar así cumprimento á Lei de Normalización Lingüística defendendo e promocionando o idioma galego.”
Do mesmo xeito Lucía Santos informa que “o BNG solicitou ao Concello de Marín que apoie esta proposta e inste á Deputación de Pontevedra para unha nova colocación dos paneis respectando o noso idioma, xa que todas as institucións públicas de Galiza teñen a obriga de velar polo coidado, uso e protección do noso idioma.”
O BNG denuncia a discriminación do galego no castro de A Subidá