O BNG critica ao PP por perpetuar a herdanza franquista

Tino Iglesias manifesta que está en xogo o cumprimento da lei e de dignidade democrática. O mantemento destes nomes non é neutra, perpetúa no rueiro público recoñecementos outorgados pola súa participación na ditadura franquista
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) lamenta profundamente o voto en contra do Partido Popular (PP) á moción presentada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) no pleno do pasado 13 de marzo, que solicitaba a devolución dos nomes históricos a varias rúas do municipio, en cumprimento da Lei 20/2022 de Memoria Democrática.
A moción facía referencia a tres rúas con denominacións directamente vinculadas á sublevación militar de 1936 e á ditadura franquista: Tiro Naval Janer, nomeada oficialmente en febreiro de 1937 como homenaxe á súa participación no chamado “Glorioso Movimiento Nacional”, para a que se propón recuperar a denominación popular de Rúa do Baño; Avenida del Ejército y de la Marina, imposta en decembro de 1936 en substitución da Avenida de Pablo Iglesias Posse, aprobada en 1926 por iniciativa das sociedades obreiras; e Canellón Alcántara, denominada así en xullo de 1936 en recoñecemento ao concelleiro José Alcántara, nomeado alcalde polos militares tras o golpe, e para a que se solicita a volta ao seu nome tradicional vinculado ao Peirao Vello.
Desde o BNG considérase completamente inaceptable o argumento do PP, que afirma que estas rúas “non teñen connotacións franquistas” e reduce a súa xustificación a unha cuestión de interpretación subxectiva. A realidade é que non hai interpretación posible ante os feitos: as actas oficiais do Concello recollen expresamente que estes nomes foron impostos como homenaxe directa a persoas e institucións vinculadas ao levantamento militar de 1936 e á consolidación da ditadura franquista. A súa permanencia no rueiro non só perpetúa esa exaltación simbólica do franquismo, senón que supón unha vulneración clara da legalidade vixente.
“O que está en xogo non é unha cuestión de opinión, senón de cumprimento da lei e de dignidade democrática. O mantemento destes nomes non é neutra senón que perpetúa no rueiro público recoñecementos outorgados pola súa participación no golpe de Estado e na ditadura”, sinala o concelleiro nacionalista Tino Iglesias.
En vista do veto á moción, o BNG insta ao goberno local do PP a anulación formal dos acordos plenarios que outorgaron esas denominacións, e a apertura dun novo procedemento administrativo de nomeamento conforme aos principios da memoria democrática, o respecto institucional e a legalidade. A formación nacionalista mantén firme o seu compromiso coa recuperación da memoria histórica e coa dignificación do espazo público, e esixe ao PP a abandonar calquera forma de complicidade, directa ou indirecta, coa exaltación simbólica do franquismo.