O BNG demanda unha programación cultural estable no Auditorio

Lucía Santos, portavoz do BNG de Marín
Lucía Santos, portavoz do BNG de Marín

Lucía Santos celebra que Marín conte por fin cun espazo para a celebración de eventos culturais e considera preocupante que o goberno municipal priorizase a posta en escena e a rendibilidade política antes que garantir unha estrutura profesional, transparente e estable para dotar de contido ao auditorio

O BNG demanda unha programación cultural estable no Auditorio

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) celebra que Marín conte, por fin, cun espazo cultural tan demandado e necesario para o desenvolvemento cultural da vila. Porén, lamenta que o goberno local do Partido Popular (PP) convertese a inauguración do auditorio, celebrado o pasado venres 15 de maio, nun acto propagandístico, tentando capitalizar unha demanda histórica a un ano das eleccións, ocultando os atrasos, modificacións do proxecto e problemas acumulados durante a execución dunha infraestrutura marcada pola falta de transparencia. O BNG considera, ademais, que a inauguración do centro cultural debería terse realizado cun acto no que participase o tecido cultural do concello.

A formación nacionalista considera preocupante que o goberno municipal priorizase a posta en escena e a rendibilidade política da inauguración antes de garantir unha estrutura profesional, transparente e estable para dotar de contido o auditorio. A portavoz, Lucía Santos, manifesta que o verdadeiro éxito non dependerá dunha inauguración puntual, senón da capacidade do Concello para garantir unha programación cultural estable, unha xestión transparente e un acceso democrático ás instalacións.

O grupo municipal do BNG trasladou reiteradamente a necesidade de crear a praza de técnico/a cultural, adherirse ao convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), avanzar na integración na Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) e continuar reclamando melloras no equipamento e nos servizos culturais. Neste sentido, os nacionalistas reclaman que o goberno local defina canto antes un proxecto cultural para o novo espazo, á vez que consideran imprescindible que tamén dote ás instalacións do persoal suficiente e cualificado para garantir unha xestión profesional e eficiente do edificio.

Para o BNG, esta situación evidencia novamente “a improvisación e a ausencia de planificación” que, ao seu xuízo, caracterizaron os quince anos de goberno do PP en Marín. A formación nacionalista considera que inaugurar un centro cultural sen definir previamente a súa organización, funcionamento e proxecto cultural confirma unha forma de gobernar máis centrada na propaganda e na rendibilidade política ca planificación seria e na posta en marcha dun servizo para a veciñanza.

O BNG demanda unha programación cultural estable no Auditorio