O BNG propón regular o uso da pirotecnia para garantir a saúde, o benestar e a convivencia

Lucía Santos defende unha ordenanza municipal que limite o uso da pirotecnia, impulse alternativas máis silenciosas e reduza os impactos negativos sobre a veciñanza e o medio ambiente.

O BNG propón regular o uso da pirotecnia para garantir a saúde, o benestar e a convivencia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) levará ao pleno municipal que se celebrará este xoves, 13 de marzo, unha moción na que propón regular e reducir o uso da pirotecnia en festexos mediante unha ordenanza municipal. A proposta busca minimizar os efectos negativos que os estoupidos causan en parte da poboación e promover alternativas máis sostibles e respectuosas coa convivencia.

O BNG lembra que cada vez son máis os concellos que adoptan medidas neste sentido, dada a evidencia dos problemas que o ruído extremo pode provocar en crianzas, persoas enfermas, persoas maiores, persoas con trastorno do espectro autista (TEA), epilepsia, enfermidades cardiovasculares ou hipersensibilidade sensorial. Estes efectos inclúen desde malestar físico e mental ata crises convulsivas ou ansiedade severa.

A formación tamén advirte que a contaminación acústica da pirotecnia non afecta só ás persoas máis vulnerables, senón que representa un risco para a poboación en xeral. Os foguetes máis potentes poden superar os 170 decibelios, moi por riba do límite dos 120 decibelios a partir do cal, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), se poden producir traumas acústicos.

A moción incide tamén nos efectos negativos sobre os animais, que teñen unha sensibilidade auditiva máis elevada e sofren cadros de ansiedade, taquicardias, problemas respiratorios ou desorientación. Cada ano, prodúcense casos de animais de compañía que escapan dos seus fogares debido ao ruído, moitos deles con desenlace fatal.

“O que propoñemos non é acabar coas festas, senón facer que sexan compatibles co benestar da veciñanza. Hai moita xente que sofre con estes estoupidos, e temos alternativas máis silenciosas e igual de espectaculares”, sinala Lucía Santos Omil, portavoz municipal da formación nacionalista.

Desde o grupo nacionalista tamén insisten na necesidade de avanzar cara a celebracións máis sostibles e respectuosas. “A pirotecnia tradicional non só xera molestias, tamén contamina o aire, o chan e a auga. Temos a oportunidade de modernizar o xeito de celebrar, sen renunciar á festa, pero reducindo o impacto negativo sobre as persoas e o medio”, engade Santos.

A moción solicita ao Goberno do Partido Popular (PP) a elaboración dunha ordenanza que regule o uso da pirotecnia, estableza horarios e lugares permitidos, reduza o uso das bombas de palenque e obrigue a informar previamente da duración dos espectáculos. A proposta tamén inclúe a promoción de alternativas de baixo impacto acústico que garantan o respecto pola saúde da veciñanza, o benestar animal e a protección ambiental.

O BNG propón regular o uso da pirotecnia para garantir a saúde, o benestar e a convivencia