O BNG critica a negativa do PP a secundar a manifestación en defensa da Sanidade Pública

Dende o BNG denunciamos o desinterese pola mellora do sistema sanitario galego dun PP que despreza a mobilización cidadá convocada poia Plataforma SOS Sanidade Pública

O BNG critica a negativa do PP a secundar a manifestación en defensa da Sanidade Pública

O Bloque Nacionalista Galego de Marín lamenta profundamente a resposta do goberno municipal á moción presentada en apoio á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o vindeiro 6 de abril en Compostela. O executivo local negouse a aprobar esta proposta alegando que "para nada o interese desta plataforma é mellorar a sanidade pública, senón atacar ao PP e á Xunta".

Dende o BNG consideramos estas afirmacións un desprezo absoluto á cidadanía que, de xeito masivo, está a mobilizarse en defensa da sanidade pública, o último dato, a manifestación que reuniu a 62.000 persoas en Vigo. Esta resposta non só ningunea as reivindicacións lexítimas de milleiros de persoas que claman por unha atención sanitaria digna, senón que evidencia a falta de vontade política do goberno municipal para escoitar e atender as demandas sociais.

A moción presentada polo BNG trasladaba ao pleno as peticións de SOS Sanidade Pública, que exixe medidas urxentes para reverter o deterioro da sanidade pública galega, como o incremento de recursos na atención primaria, a redución das listas de agarda, o freo á privatización sanitaria e a recuperación dos servizos sanitarios desmantelados.

O BNG de Marín manifesta o seu total apoio ás reivindicacións de SOS Sanidade Pública e chama á veciñanza a participar activamente na manifestación do 6 de abril en Compostela, en defensa dun sistema sanitario público, gratuíto e de calidade para todas as persoas.

Por unha sanidade pública digna e de calidade, mobilizámonos!

O BNG critica a negativa do PP a secundar a manifestación en defensa da Sanidade Pública