Sobre o local de ocio para a mociade

123138883_134138288454767_3162868801010992791_n
Sobre o local de ocio para a mociade

O BNG de Marín non sae do seu asombro tras ter coñecemento pola prensa do anuncio da alcaldesa María Ramallo dun proxecto para a creación dun Centro de Ocio Xuvenil no local municipal do antigo Liceo Casino, e do que os grupos da oposición non recibimos información algunha nas comisións informativas celebradas no pasado mes de xaneiro.

En primeiro lugar, parécenos moi positiva a creación dun local destinado ao ocio para a mocidade, onde desenvolver actividades e gozar de servizos axeitados as súas necesidades e intereses. O concello de Marín é o segundo en poboación da comarca do Morrazo e parécenos absolutamente necesario que a nosa vila conte cunha casa da mocidade, na que se ofreza tanto actividades de lecer como asesoramento e punto de información xuvenil.

Mais por outra banda sorpréndenos a postura absolutamente contraditoria do Goberno local, que volta poñer de manifesto a improvisación, a absoluta falta de proxecto para o noso Concello e a xestión a base de ocorrencias coa que nos ten acostumados e acostumadas nestes últimos 10 anos.

En xuño do 2018 o BNG de Marín presentou unha moción instando ao Goberno Municipal a dar os pasos necesarios para dotar ao concello de Marín dunha Casa da Xuventude. Naquela altura o goberno do PP rexeitouna, xustificando que “a actividade dirixida á xuventude non ten porque dirixirse a unha casa de cultura, que ese tecido asociativo xuvenil, non ten que nacer dunha casa de cultura exclusiva”, e que unha casa da cultura non impediría que a mocidade continuara marchando de Marín na procura do lecer que na nosa vila se lle nega. Isto é o que alegaba no seu día o Sr. Traba Miñones, concelleiro de deportes e xuventude.

Desde o Goberno local anúnciannos un proxecto que desbotaron hai dous anos, alegando que Marín non precisaba local para a xuventude. Que aconteceu nestes dous anos para que agora si sexa necesario? Amais preséntannos unha idea sen prazos de execución, e isto cando aínda non se coñece realmente a data de inicio das obras do tan anunciado Auditorio Municipal.

Desde o BNG de Marín pedimos seriedade e coherencia ao Goberno local e que dunha por todas elabore un proxecto global para o noso Concello, que permita poñer freo á decadencia que vimos sufrindo desde 2011.


 

Sobre o local de ocio para a mociade