Aprobada a moción do BNG de adhesión ao proxecto de Augas de Galiza de autoxestión das augas.
O BNG presentou unha moción, aprobada polo pleno, para solucionar os problemas de subministro de auga nas parroquias de Marín.
O BNG de Marín trasladou ao Pleno Municipal, celebrado este pasado xoves 25, unha moción solicitando a adhesión do Concello de Marín ao proxecto que Augas de Galicia está preparando para apoiar os sistemas de autoxestión de auga na Galiza. Esta proposta saiu aprobada na sesión plenaria ao contar cos votos favorábeis do BNG e do PP e a abstención do PSOE.
Este plan, que depende da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, pretende apoiar e reforzar as traídas veciñais ou comunitarias e pozos privados co obxectivo de garantir o subministro de auga a todos os núcleos rurais aos que economicamente resulta custoso facer chegar o servizo municipal de augas.
A Portavoz Municipal do BNG, Lucía Santos, lembrou que “en varias parroquias de Marín, concretamente en Ardán, Santomé e San Xulián, existen núcleos de poboación que levan anos soportando unha situación realmente grave, como é a falta de auga nas súas vivendas. Estes núcleos non dispoñen de servizo de abastecemento de auga municipal, polo que se sirven de pozos artesáns e pequenas traídas veciñais para dispoñer de servizo de auga e tendo que sufrir escasez en épocas de sequía. E cando as traídas veciñais precisan de melloras ou arranxos, é a veciñanza quen ten que asumir os gastos, o que pode supoñer un custe importante para os propietarios.”
Mais, como indica Lucía Santos, “resulta chamativo que nestas parroquias teñan problemas de falta de auga cando contan con abundantes minas de agua nos seus montes.” Precisamente, no monte Gagán, en Santomé, hai importantes minas de auga pertencentes á ENM para o abastecemento das súas instalacións. Na actualidade, algunhas destas minas atópanse en estado de abandono e a ENM tira centos de litros de auga potábel ao mar porque non consume tal cantidade, auga que podería ser utilizada para dotar de servizo á veciñanza de Santomé.
Lucía Santos lembra que “este proxecto-piloto xa foi levado a cabo nos concellos de Tomiño e Abegondo, con excelente resultado.” Augas de Galicia pretende executar o novo proxecto en seis concellos. De ser o Concello de Marín un dos escollidos implicaría un importante beneficio para Marín, particularmente para o rural.