Solicitamos a creación do servizo de canguraxe municipal

100003
Solicitamos a creación do servizo de canguraxe municipal

O BNG de Marín rexistrou unha moción para o seu debate no Pleno Municipal, solicitando a creación do servizo de canguraxe municipal no Concello de Marín.

Lucía Santos, Portavoz Municipal do BNG de Marín, expón que “ante a nova situación que estamos a vivir causada pola COVID-19, faise absolutamente necesario a adopción de medidas de conciliación dende os Servizos Sociais, que permitan compaxinar a vida laboral coa vida familiar, especialmente das mulleres, que son quen maiormente levan a responsabilidade do coidado das crianzas.”

É por isto que Lucía Santos solicitou en Comisión Informativa de Benestar Social a realización do estudo pertinente para iniciar os trámites de cara a poñer en funcionamento o servizo municipal de atención ao coidado de menores de idades comprendidas entre os 4 meses e os 12 anos, ademais de dotar o servizo dos recursos materiais e humanos necesarios. Por outra banda, Lucía Santos afirma que “este servizo debe contar cun número determinado de horas ao ano para cada familia, e o pago polo servizo deberá ser correspondente aos ingresos familiares.”

A Portavoz Municipal lembra que son moitos os concellos galegos que xa contan con programas de conciliación, apoiados con subvencións da Xunta de Galiza e con fondos sociais europeos que permiten a posta en marcha destes servizos municipais.

Ademais de axudar a solucionar os problemas de conciliación, este servizo axudaría a afrontar novas problemáticas xurdidas a raíz da COVID. Lucía Santos afirma que este servizo resolvería a problemática de onde deixar a menores con clases confinadas, pero que son negativos/as nas probas da COVID-19. Moitos familiares que coidaban as crianzas poden ser persoas de risco, maiores de 65 anos, ou que viven noutros municipios, ou que eles/as mesmos/as poden estar confinados/as, polo que o contacto pode ser imposíbel.

Segundo Lucía Santos “debido á nova situación provocada pola covid-19 cómpre que as administracións traballen para a adopción das ferramentas precisas para unha conciliación familiar e laboral real.”

Solicitamos a creación do servizo de canguraxe municipal