O BNG amosa a súa satisfación pola actuación en Macenlle

foto
O BNG amosa a súa satisfación pola actuación en Macenlle

O BNG de Marín amosa a súa satisfacción pola actuación que o Concello, en colaboración coa CCMM de San Xulián e a Plataforma Veciñal, ten previsto realizar no lugar de Macenlle, e que permitirá abastecer de auga a 18 vivendas a través da traída municipal.

O 11 de outubro de 2017 o Pleno da Corporación Municipal aprobou por unanimidade unha moción presentada por vía de urxencia polo BNG de Marín solicitando a adopción de medidas urxentes de cara a solucionar o grave problema de falta de auga que con frecuencia padecen nas parroquias de Piñeiro, San Xulián e Ardán.

Lucía Santos, Portavoz Municipal do BNG, lembraba que “no noso Concello aínda existen non poucas vivendas que carecen do servizo de abastecemento de auga municipal, polo que dependen de pozos artesáns para que a auga chegue as súas casas. Pozos que durante o verán sofren as consecuencias das sequías, co que en non poucas ocasións quedan sen auga en verán.”

No verán de 2018 Lucía Santos voltaba denunciar a situación de falta de auga en verán: “É unha vergoña que neste período estival onde a poboación de Seixo, Aguete, Soaxe e Montecelo medra polo turismo teñan que padecer a deficiencia dun servizo que ten como responsábel directo non só Acuaes (Ministerio de Agricultura) senon o propio Concello de Marín onde a ineficiencia da señora Sanmartín por solventar o problema leva á veciñanza a padecer cortes de auga a presión moi baixa impedídoa a usar os aparellos do forgar como lavalouzas, lavadoras, etc.”

No Pleno de febreiro deste ano, o BNG de Marín voltou presentar unha nova moción, que foi aprobada, de adhesión ao plan de autoxestión de auga da Xunta de Galiza para mellorar o servizo de abastecemento no noso Concello.

Despois de 10 anos no Goberno municipal, e tras numerosas solicitudes, entre as que se atopa unha moción tratada por vía de urxencia hai 3 anos e medio, Lucía Santos celebra que “por fin o PP dá un paso adiante para solucionar os problemas de auga no rural do noso concello. Sen tempo non era. No BNG de Marín agardamos que esta actuación teña continuidade no futuro máis inmediato de cara a solucionar unha problemática que dura xa moito tempo e afecta a numerosos veciños e veciñas de Marín.”

Marín, a 6 de marzo de 2021

 

O BNG amosa a súa satisfación pola actuación en Macenlle