O COMERCIO E A HOSTALARÍA SON FUNDAMENTAIS NO ENTRAMADO ECONÓMICO E SOCIAL DE MARÍN, PRECISAN DE MEDIDAS DE APOIO PARA SAÍR DESTA CRISE SANITARIA.
O BNG apoia ao comercio e a hostalaría local
Se por algo se caracteriza a sociedade galega, é pola solidariedade ante as adversidades e o noso pobo teno mais que demostrado.
A situación de pandemia global causada polo COVID-19 está levándonos a vivir unha situación difícil e poñendo a proba a nosa economía.
Dende o BNG sempre apostamos polo consumo de comercio local e nestes momentos ese apoio está sendo mais importante que nunca.
O comercio local viña arrastrando dende hai anos unha importante crise xerada pola competencia das grandes superficies e nestes momentos a sua supervivencia faise mais complicada co aumento nas compras por internet.
Os comercios de barrio non poden competir cos prezos de AMAZON ou ALIEXPRESS pero ofrécennos outros servizos que estes canais de compra on-line non nos poden ofrecer.
O comercio local xera postos de traballo, crea unha cadea de economía circular, dan vida a un barrio e convidan a vivir nel. Nestes tempos difíciles que nos está tocando vivir cómpre ser solidarios e poñer no noso gran de area para apostar polo consumo responsábel á vez que apoiamos a nosa veciñanza e reforzamos a economía do xeito que mais nos toca de preto.
Nesta situación de crise, son moitos os autónomos que teñen que afrontar unha situación complicada tendo que pechar os seus negocios para frear a expansión do virus e esperemos que o goberno da Xunta de Galiza estea a altura e garanta axudas directas para a hostalería, da que dependen miles de postos de traballo.
A nivel local, lamentamos que o goberno de María Ramallo aínda siga elaborando o plan de dinamización comercial aprobado hai xa sete meses… Dende o BNG consideramos que medidas que foron aprobadas no mes de abril como o MarketPlace, bonos-regalo ou campañas de concienciación e apoio ao comercio local, non estiveran levándose a cabo na campaña de verán.
Agora mais que nunca, toca apostar polo noso. Fagamos consumo no comercio de proximidade, con xestos como apoiar a hostalería nestes difíciles momentos, consumindo un café para levar ou recollendo unha cea para a nosa casa e con estas accións estaremos colaborando a que a nosa vila non esmoreza e poidamos superar esta difícil situación co apoio de todas e todos.
En Marín, a 11 de Novembro do 2020.
Lucía Santos Omil – Portavoz Municipal