O BNG COMEZA UNHA CAMPAÑA PARA DEMANDAR A REBAIXA DAS PEAXES DA AP-9 E O CUMPRIMENTO DO PACTO DE GOBERNO
O BNG inicia unha campaña para que o goberno central rebaixe as peaxes da AP-9
A rebaixa das tarifas abusivas da AP-9 foi unha conquista do BNG no pacto de investidura de Pedro Sánchez. Un ano despois, non se efectivizou.
Demandamos con urxencia:
Que o Goberno aplique de xeito inmediato a rebaixa das peaxes da AP-9 e a
gratuidade do treito Redondela-Vigo
Que o Goberno impulse a aprobación definitiva da Lei de Transferencia da AP-9 a Galiza no actual
período de sesións.
A AP9, a autoestrada do atlántico, é a principal arteria de comunicación de Galiza, unha vía estratéxica que cruza o país de norte a sur, articulando un territorio no que se asenta máis do 70% da poboación e a meirande parte da actividade económica do país.
A pesar da súa importancia estratéxica, esta infraestrutura ten unhas tarifas desorbitadas que teñen que soportar a diario arredor de 22.000 galegos e galegas. Esta peaxe abusiva é un verdadeiro lastre para a economía das persoas e das empresas do noso país.
A historia da AP9 é a a crónica dunha discriminación con Galiza, que nos ten costado miles de millóns de euros en peaxes.
Cómpre lembrar que a concesión desta autoestrada remataba en 2013, e que, se aínda temos que seguir pagando polo seu uso, é porque esta foi ampliada por parte dos distintos gobernos do Estado -dez anos polo goberno de Felipe González en 1994 e 25 anos por parte do goberno de José María Aznar en 2000-. A maiores, en 2003, o goberno de Aznar vendería co beneplácito da Xunta -da que era conselleiro de Ordenación do Territorio, o actual Presidente, Núñez Feixóo-, a autoestrada por un prezo ridículo.
Como consecuencia destas decisións políticas, hoxe Galiza conta non só cunha das autoestradas máis caras do Estado senón tamén coa concesión máis longa posíbel, 75 anos, até 2048. Así, mentres na Galiza pagamos as peaxes máis caras, a práctica totalidade das autoestradas do Estado ou son de balde ou o serán en breve. O que supón un forte impacto económico para as arcas de miles de traballadores e traballadoras e un lastre á competitividade das nosas empresas é, á súa vez, un suculento negocio para a empresa concesionaria, que en 2019 recadou 153 millóns de euros, uns 420.000 euros diarios.
A loita social e institucional para poñer fin a este abuso vén de lonxe. En abril de 2016, o Parlamento de Galiza aproba por unanimidade, a instancias do BNG, a Lei para a transferencia da AP9 a Galiza, que sería vetada pola Mesa do Congreso o 13 de decembro dese mesmo ano. O mesmo veto tería o novo proxecto de Lei impulsado polo BNG a comezos de 2017 e aprobado polo parlamento galego en maio de 2017.
Quedaba claro que se trataba dun veto político, disfrazado de razóns técnicas e orzamentarias. E para deixalo máis evidente, ao tempo que se vetaba a transferencia e o rescate da AP9, o goberno do Estado aprobaba a principios do 2018 o rescate de 8 autoestradas de peaxe ruinosas, entre elas as radiais madrileñas. Unha decisión que tería un custo para as arcas do Estado de máis de 4.000 millóns de euros. Non había diñeiro público para rescatar a AP9, mais si o había para salvar ás construtoras e á banca que construíron e xestionaron autoestradas ruinosas.
Por fin, o 2 de febreiro do presente ano o Congreso aproba, por ampla maioría, a toma en consideración da Lei de Transferencia de Titularidade e Competencias da Autoestrada AP9.
O BNG considera que a transferencia é un primeiro paso para acabar cunha discriminación histórica, e é necesario que se realice libre de cargas, que sexa rescatada polo Estado de igual maneira que se rescataron no seu día as radiais madrileñas. Por isto, o BNG vén de poñer en marcha unha campaña en todo o País para reclamar a transferencia da AP-9 para Galiza.
Como primeiro paso desta campaña, a Portavoz Municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, presentou unha moción para ser debatida en Pleno Municipal na que se pide o apoio da corporación para instar á Mesa do Congreso e ás forzas políticas con representación nesa institución a aprobar definitivamente a lei de Transferencia da AP9 a Galiza no actual período de sesións.