O BNG presenta unha campaña social para que o Goberno do Estado aplique xa as rebaixas na AP-9.
O deputado do BNG, Paulo Ríos Santomé, “Kai”, acompañado por membros do BNG, como a responsable comarcal, Silvia Carballo, a alcaldesa de Moaña, Leticia Costas, e diferentes concelleiros e membros da organización das localidades do Morrazo participaron na presentación da campaña social que pretende conseguir que o Goberno español active as rebaixas da AP9 comprometidas no acordo de investidura asinado entre BNG e PSOE.
Unha campaña que no Morrazo encontra toda a sensibilidade social, porque fa Comarca, xa foi referente na mobilización social e en conseguir que a ponte de Rande quedase libre de peaxes.
Debemos lembrar que este compromiso do Goberno do Estado figuraba entre as medidas asinadas no acordo de investidura entre BNG e PSOE onde se recollían a bonificación do cen por cen a todos os usuarios e usuarias recorrentes da AP9. “Aquelas que fagan, polo menos, dúas viaxes ao día todos os días da semana, sexan particulares ou profesionais”.
E tamén, no caso da ría de Vigo hai que recordar o compromiso de eliminar, de maneira inmediata, a portaxe do tramo entre Vigo e Redondela, así como que os “Orzamentos do Estado asumirán o 1% de incremento anual previsto acumulativo durante vinte anos como consecuencia das obras realizadas en 2011 e 2013”.
A partir dese acordo de investidura incorporáronse tres partidas específicas nos OXE (Orzamentos Xerais do Estado) para facer posíbel que estas medidas se levasen a cabo polo que Paulo Ríos Santomé, “Kai” ven de afirmar que “non hai razón de ningún tipo para que o goberno demore que entren en vigor. Deberían ter entrado o un de xaneiro e non é razoábel, que en vez de baixar as portaxes, o que se anunciara fora que a AP-9 fose a autoestrada por cuarto ano consecutivo que máis subía de todo o Estado español”.
O BNG considera que os compromisos adquiridos polo PSOE deben ser cumpridos e que xa pasou xaneiro, un prazo máis que suficiente para tomar algunha decisión e ter preparado polo menos o decreto que permitise a aplicación da baixada destas peaxes.
O BNG do Morrazo chama a toda a sociedade civil da Comarca a colaborar na “campaña informativa” consistente na pegada de cartaces e faixas, así como a distribución de folletos e a difusión de información a través das Redes Sociais, para que o Goberno de Madrid se decate de que que estamos fartos de sufrir semellante agravio, de ser a autoestrada máis cara do Estado.
Unha discriminación que padecemos todas as galegas e galegos e que ten consecuencias non só na economía familiar, senón tamén para o desenvolvemento económico do noso país” pois esta é a arteria principal que comunica Galiza de norte a sur.
No BNG temos historia, somos a vangarda no traballo relativo a transferencia da AP9, tanto desde a mobilización social como no traballo institucional, conseguindo a unanimidade no Parlamento da Galiza. Fomos quen de levar esta cuestión ao Congreso dos deputados e agora que se votou a toma en consideración desa lei, entendemos que non existe ningunha razón para esperar no seu trámite.
O BNG demanda que o Goberno español cumpra o pactado e que antes do verán poida estar completada a tramitación e a transferencia da AP9 como primeiro paso para unha xestión desde Galiza con criterios social e medioambiental e cunha perspectiva futura de que a autoestrada poida ser galega e libre de peaxes.