Campaña de reclamacións por unha atención médica presencial
Descarga a túa reclamación para presentar no centro de saúde:
Descarga a túa reclamación para presentar no centro de saúde:
O BNG inicia unha campaña de reclamacións ante o Sergas solicitando melloras na atención no centro de saúde de Marín.
O BNG de Marín continua coa súa campaña en defensa da sanidade pública no noso concello e por unha atención sanitaria presencial no centro de saúde. Dadas as actuais circunstancias sanitarias, e despois de pospoñer as concentracións diante do centro de saúde, imos iniciar un reparto de reclamacións entre a poboación de Marín.
Así, o próximo xoves 18 e venres 19 de febreiro, imos saír a rúa para informar e repartir un modelo de reclamación que cada persoa poderá presentar no centro de saúde ou ben por vía temática.
Pretendemos que lle cheguen ao Sergas as demandas maioritarias no noso concello de melloras na atención, como son: a substitución do persoal sanitarios e administrativo cando teña que ausentarse do seu posto de traballo, a mellora e incremento dos medios materiais e, o mais importante, a volta a unha atención presencial, como a mellor forma de tratar e detectar as enfermidades e patoloxías.
Unha sanidade pública de calidade e forte é o mellor instrumento para enfrontarnos á situación sanitaria de pandemia que estamos padecendo, e a garantía de que ninguén vai quedar atrás no diagnóstico e tratamento do resto das doenzas.
Lamentabelmente, desde o PP non están por mellorar e incrementar os orzamentos sanitarios. Así se pode comprobar no proxecto de Lei de Saúde actualmente en tramitación onde se botan en menos medidas sanitarias e se pretenden limitar dereitos fundamentais dos galegos e galegas.