SOLICITAMOS A MELLORA DO ASFALTADO E DA ILUMINACIÓN NO LUGAR DE MIÑÁN
O BNG demanda melloras en Miñán
A veciñanza do núcleo de Míñán, na parroquia de Santomé leva anos presentando múltiples escritos no concello, sen ter resposta, no que solicitan o arranxo e adecentamento nos camiños públicos desta zona. Estas pistas veciñais levan máis de 25 anos sen asfaltarse polo que o seu estado é lamentábel en tódolos tramos, con levantados no asfalto, fochancas, numerosos parches, grava, fendas…coas molestias que isto ocasiona para a veciñanza do lugar. Un núcleo no que existen máis de 20 vivendas e que residen algo mais de 60 persoas, que na súa vida diaria atópanse con esta dificultade para o acceso as súas vivendas.
É por isto, que o BNG vén de rexistrar unha moción para trasladar ao vindeiro Pleno Municipal, solicitando ao goberno para iniciar os trámites e estudos necesarios e levar a cabo o completo asfaltado dos camiños veciñais que permiten o acceso ás vivendas da veciñanza de Miñán.
Ademais disto, tamén se solicita a revisión das iluminarías do lugar, xa que contan con poucos postes de luz, e os que hai están continuamente estragados ademais de proporcionar pouca iluminación, xa que son puntos de luz con máis de 20 anos, polo que sería convite a substitución de puntos de luz por outros mais sostíbeis e que faciliten a iluminación.
Esta moción vai ademais, acompañada por máis de medio cento de sinaturas da veciñanza de Miñán, no que solicitan ao grupo de goberno, se teña en conta esta proposta, necesaria para a mellora na súa vida diaria.