ANA PONTÓN: "HAI QUE POÑER ÁS PERSOAS NO CENTRO E RESCATAR Á SOCIEDADE DAS CONSECUENCIAS DA COVID"

Entrevista a Ana Pontón

safe_image

ANA PONTÓN: "HAI QUE POÑER ÁS PERSOAS NO CENTRO E RESCATAR Á SOCIEDADE DAS CONSECUENCIAS DA COVID"

Entrevista a Ana Pontón

Pregunta. Como valora o BNG o escenario que se está a producir pola segunda vaga da COVID-19?

Resposta. Observamos con moita preocupación as consecuencias na vida, na saúde e na economía que está a ter. É obvio que as cousas non se fixeron ben nin polo Goberno central nin pola Xunta. Especialmente grave está a ser a pasividade e neglixencia da Xunta de Feijóo, máis preocupada no politiqueo e no proveito político que en tomar medidas serias de apoio aos sectores económicos e á sanidade pública, á que por certo está desmantelando. 

Pregunta. Neste contexto, o Goberno central presentou os seus orzamentos, e o BNG votou en contra. 

Resposta. Efectivamente. Gustaríanos poder ter votado a favor, porque iso querería dicir que serían uns orzamentos positivos para Galiza, mais infelizmente son todo o contrario. Uns orzamentos que discriminan Galiza e as necesidades da sociedade galega. Mentres sube de forma moi importante o investimento noutros territorios, en Galiza baixa un 12 %.  Nós advertímolo desde o primeiro día: o noso voto ía depender unicamente da defensa dos intereses de Galiza. Se o Goberno central non cumpría con Galiza, o BNG non apoiaría uns orzamentos que fosen discriminatorios para o noso país. E iso foi o que pasou. Especialmente lamentable foi o espectáculo de ver ás caras do PSdG e Podemos atacando ao BNG, seguramente por mala conciencia, porque sabían que o noso voto os deixaba en evidencia. PSOE e Podemos están a realizar unha fraude á sociedade galega terán que explicarlle aos galegos e galegas por que discriminan a Galiza. 

Pregunta. E como valora os primeiros meses do novo Goberno Feijóo. 

Resposta. Na liña do esperado. Feijóo non ten proxecto para Galiza, o seu proxecto é estar no poder, da forma que sexa. Pode dicir hoxe unha cousa e mañá a contraria, e apóiase nun control férreo dos medios de comunicación, coa CRTVG convertida no seu aparato de propaganda. Con todo, nos feitos, nas decisións, en todos os grandes temas Feijóo traizoa os intereses da sociedade galega e traballa en favor dos intereses de Madrid, das grandes empresas, porque ao final a súa ambición é esa: Madrid. Vémolo nos usos e políticas da enerxía, nas comunicacións e infraestruturas, na rebaixa do autogoberno, no desmantelamento da sanidade e da educación... No BNG imos estar contruíndo, desde xa, a alternativa de goberno que lidere a posta en marcha dunha nova Galiza, dun país que avance sen condicionantes e aproveitando o seu talento, capacidade, recursos, en favor da maioría.


 

Entrevista a Ana Pontón