Concentración por unha atención sanitaria presencial
O BNG de Marín retoma as concentracións en defensa da sanidade pública e por unha atención presencial no centro de saúde de Marín.
O próximo xoves 10 de decembro, ás 11:30h, convocamos unha nova concentración diante do centro de saúde de Marín para demandar unha mellor asistencia sanitaria en Marín. Esta mellora pasa por recuperar a cita presencial dos pacientes no centro de saúde.
En Marín seguimos padecendo atrasos na atención medica con bastantes días de demora; e na vacinación da gripe constantes e reiteradas cancelacións das citas para vacinarse. E continuamos cunha alta demora para ser atendidos, telefonicamente, por que non se dan substituídos os profesionais ausentes.
Desde a Xunta de Galiza non se está actuando coa dilixencia e os medios necesarios para paliar a situación de tensión asistencial que vive a Atención Primaria, e continua apostando pola atención telefónica.
Desde o BNG seguimos demandando un incremento do persoal e mellores medios materiais. Porén, o Partido Popular presentan un proxecto de lei de reforma da Lei de Saúde de 2008, en tramitación no parlamento galego, que non recolle nin unha soa medida para mellorar a sanidade pública. Tan só ten como obxectivo vixiar, sancionar e multar aos galegos e as galegas, aos que trata como persoas incumpridoras e potenciais bombas dispensadoras do virus.
Por último queremos facer un chamamento a todas as persoas que asistan á concentración a que cumpran as normas de seguridade e hixiene estabelecidas polas autoridades sanitarias.