Demandamos que técnicos municipais fagan un estudo sobre a ventilación do colexio Sequelo
A portavoz municipal do BNG Lucía Santos, trasladou no pasado Pleno Municipal celebrado o 8 de outubro, a situación na que se atopa o alumnado de 5º e 6º de primaria do colexio Sequelo con 24 persoas en aulas de 35 m2 nos que é imposíbel gardar a distancia de seguridade recomendada.
Esta situación foi trasladada polas familias do alumnado que solicitaron tanto ao Goberno Municipal como a Consellería de Educación, unha nova ubicación en aulas mais amplias coas que conta o centro pero precísase levar a cabo obras ben para abrir novas fiestras ou ben dotalas de sistemas de ventilación.
Hai uns días o BNG tivo coñecemento da visita no colexio do Goberno Municipal co Xefe de Policía Local para supervisar as aulas e valorar que medida resultaría mais idónea para dotalas coas medidas de seguridade e prevención pero consideramos que a policía local, pese a boa vontade en colaborar, non é o persoal cualificado para tomar unha decisión técnica e decidir sobre cal é a mellor solución para dotar de sistemas de ventilación que ofrezan a maior seguridade ao alumnado e profesorado.
Por isto, o BNG solicita ao Goberno Municipal que os técnicos municipais sexan os encargados en supervisar o estado das aulas e leven a cabo un estudo para decidir cal é o sistema mais idóneo e poder así implementar novos espazos no centro, ampliando as distancias de seguridade na comunidade educativa.