O BNG presentou as emendas aos orzamentos da Xunta

IMG-20201226-WA0001
IMG-20201226-WA0001
O BNG presentou as emendas aos orzamentos da Xunta

A organización nacionalista presentou as emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza en relación á comarca do Morrazo, co deputado Paulo Ríos xunto coa Responsábel Comarcal Silvia Carballo. Na presentación, asistiron persoas responsábeis de cada localidade morracense, en representación de Marín, a portavoz municipal Lucía Santos.

No que atinxe a Marín, os orzamentos da Xunta deixan unha vez máis a nosa vila sen investimentos que cubran demandas de primeira necesidade.

Nun ano no que se evidenciou máis que nunca a falta de recursos na sanidade galega, bótase en falta partidas orzamentarias para a dotación de persoal preciso no Centro de Saúde de Marín para ofrecer un servizo óptimo a veciñanza.

É preciso unha inversión en política social e dotar de instalacións para cubrir as necesidades precisas de cara ao benestar social como é a construción dun centro de día no núcleo de Seixo, ou a xa tan demandada demandada Casa para a Mocidade.

Así mesmo, solicítase investimento en demandas históricas como é a dotación do pavillón de deportes en Seixo.

Resulta tamén rechamante que nos orzamentos non aparece reflectida a partida para o auditorio de Marín polo que non hai constancia de como nin cando se vai comezar a execución do proxecto.

O BNG insiste na reivindicación para a posta en valor do patrimonio, como é o caso da sinalización e divulgación do Patrimonio Arqueolóxico de Marín e a continuación e rehabilitación das escavacións no Castro de A Subidá.

Outra das emendas presentadas é a posta en valor do río Loira co acondicionamento, limpeza e mellora ambiental da contorna.

O BNG pide ao Partido Popular uns orzamentos nos que se teña en conta as necesidades reais para Marín. Proxectos fundamentais para a reforma urbana e a potenciación dos servizos públicos, apostando pola mellora da veciñanza e incrementando servizos para as persoas maiores e para a xuventude. En definitiva, apostando por un Marín mellor.

O BNG presentou as emendas aos orzamentos da Xunta