“SAIREMOS DESTA PORQUE SOMOS UN PAÍS CON RECURSOS E UN POBO TRABALLADOR, CON TALENTO E CON ORGULLO”, DECLARA A LÍDER DO BLOQUE NA SÚA MENSAXE DE FIN DE ANO
Ana Pontón traslada aos galegos e ás galegas unha mensaxe de esperanza e o compromiso de traballar pola recuperación
“Sairemos desta porque somos un país con recursos e un pobo traballador, con talento e con orgullo”, declara a líder do Bloque na súa mensaxe de fin de ano
No seu discurso, a líder nacionalista traslada un compromiso e unha mensaxe de esperanza en nome do BNG.
“O compromiso de que non escatimaremos esforzos para sacar o país adiante, de que imos traballar para que Galiza non perda o tren da reactivación económica e social, con propostas en positivo, arrimando o ombro e coa man tendida para superar esta crise canto antes”, explica na súa alocución. “E unha mensaxe de esperanza, de confianza en nós, como país e como pobo: sairemos desta máis pronto que tarde, porque somos un país con recursos e somos un pobo traballador, con talento e con orgullo”, sintetizou.
Ao longo dos 3:30 minutos de discurso, -que o BNG difunde a través das súas redes sociais-, Pontón foise dirixindo a todas as persoas e colectivos máis afectados pola pandemia no sanitario, no económico e no social, e expresou o seu “orgullo” por formar parte “deste gran país que é Galiza, a nación que amamos, construímos e compartimos”.
Empezou referíndose ás persoas falecidas polo virus, “unha ferida aberta e a cara máis dolorosa desta crise, e por iso estarán sempre na nosa memoria, para eles, para elas, unha aperta infinita de cariño”, expresou. A continuación, volveu recoñecer o labor, “de quen estivo e aínda está na primeira liña contra a COVID, arriscando a súa saúde para coidar da nosa. Moitas delas mulleres, a maioría con empregos precarios e pouco valorados. Sodes as imprescindibles”, recoñece.
E tivo tamén unhas “palabras” para á xente moza, á que agradeceu as súas renuncias en aras da saúde colectiva: “Tras a crise de 2009, que afectou aos vosos soños e proxectos, agora soportades a pandemia, que mesmo limita as ganas de saír e desfrutar que son propias da xuventude. Tedes todo o dereito a querer divertirvos sen sentirvos culpables, e por iso agradecemos a vosa responsabilidade, as vosas renuncias para coidarnos: grazas por esa xenerosidade”.
E, finalmente, trasladou unha mensaxe directa aos colectivos máis impactados economicamente pola crise nun momento “en que hai miles de galegos e galegas que perderon os seus empregos, miles de persoas autónomas que pecharon os seus negocios, moitas outras que fan números para aguantar e familias preocupadas polo futuro dos seus fillos e fillas”.
Pero para lograr a desexada recuperación, Galiza deber recibir os recursos imprescindibles para a reactivación económica e social.
“Ese é o obxectivo do BNG cando pide un trato xusto nos orzamentos do Estado, cando reclamamos a xestión directa dos fondos europeos ou cando propoñemos un financiamento que nos permita decidir sobre os nosos cartos. Galiza ten que recibir o que lle corresponde para blindar os servizos públicos, para un modelo de coidados que garanta unha vellez digna, para un ensino de calidade. Para conseguir a igualdade real das mulleres”, salientou.
A líder nacionalista apelou a impulsar os sectores produtivos, sentar as bases dunha economía verde e sustentable, apostar pola ciencia e a investigación. “En definitiva: construír un país xusto, no que vivir e traballar”, concluíu, tras felicitar o novo ano convencida de que “entre todos e todas faremos que 2021 sexa un ano cargado de futuro”.