DIANTE DO DETERIORO DA SITUACIÓN SANITARIA EN MARÍN SUSPENDEMOS AS CONCENTRACIÓNS DIANTE DO CENTRO DE SAÚDE
O BNG de Marín presenta moción en defensa da sanidade
O BNG de Marín continúa coa campaña por unha atención sanitaria sen recortes e de calidade, levando unha moción ao vindeiro Pleno Municipal do xoves 11 de Novembro.
Ademais disto, continúa a recollida de sinaturas en diferentes comercios da localidade e aproveitamos para comunicar que a concentración que estaba prevista para o vindeiro Xoves 11, queda anulada até que mellore a situación causada pola pandemia do COVID-19.
Despois de 11 anos de recortes e privatización de servizos que vén aplicando o sr. Feijoo na sanidade pública, a situación que estamos vivindo causada polo COVID-19, está poñendo en evidencia a importancia que ten investir en sanidade pública.
Agora mais que nunca, precisamos un sistema sanitario forte e con recursos para poder prestar atención precisa en cada momento e abordar as emerxencias sanitarias cando xurdan.
Ante esta situación, a Xunta de Galiza apostou por restrinxir consultas, anular probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas nos hospitais, pechar consultorios e aportar preferentemente pola consulta telefónica.
Todo isto está carrexando unha situación desastrosa especialmente nos centros de saúde, que son a primeira toma de contacto para atención sanitaria. E isto tamén se está vivindo no Centro de Saúde de Marín, causando graves problemas no seu funcionamento con pouco persoal que dende o SERGAS están levando ao límite cunha sobrecarga de funcións.
O Centro de Saúde de Marín tan só conta cunha persoa administrativa na quenda de tarde.
A falta de persoal está levando ao centro a situación de ter que esperar até 20 días para unha cita médica, en moitos casos telefónica. Ademais da demora para probas, tratamentos, resultados de diagnósticos, prescrición de receitas, controis a doentes crónicos, demoras en pediatría ou colas diarias á intemperie para acceder ao centro.
Por todo isto, dende o BNG trasladamos a Pleno Municipal unha moción para instar á Xunta de Galiza a realizar de inmediato todas as accións precisas para activar a atención presencial en Atención Primaria.
Ademais de aumentar nos centros de saúde o número de profesionais que sexa preciso para asegurar o tempo e calidade de atención asistencial.
Solicitamos que a Xunta aumente os orzamentos destinados a Atención Primaria até chegar ao 25%, no inmediato 200 millóns de euros que permitan un servizo de atención sanitaria de calidade.
Lamentamos que pese a desprotección sanitaria que tamén está afectando á veciñanza de Marín, o goberno municipal de María Ramallo non apoie as propostas presentadas para levar a cabo as melloras en sanidade tan necesarias para o bo funcionamento no centro de saúde en Marín e para asegurar un servizo digno de atención primaria para a poboación de Marín.
En Marín, a 6 de Novembro do 2020