NUNHA SITUACIÓN DE NECESIDADE SANITARIA HAI QUE BOTAR MAN DE TODOS OS RECURSOS NECESARIOS PARA ATENDER ÁS PERSOAS ENFERMAS
O BNG solicita o antigo hospital da Escola Naval para uso sanitario
O Deputado do BNG Néstor Rego, volve a presentar unha iniciativa no Congreso solicitando o uso destas instalacións, xa que a infraestrutura atópase en boas condicións para ser rapidamente acondicionadas para o uso hospitalario.
Na xuntanza de portavoces que tivo lugar o pasado xoves 28 de xaneiro a petición do BNG, a súa Portavoz Municipal, Lucía Santos, trasladou unha serie de propostas para axudar a paliar a situación sanitaria causada polo COVID.
Lucía Santos solicitou a alcaldesa a realización dun cribado masivo no concello, a necesidade dun servizo de atención domiciliaria ás persoas en situación de corentena e a solicitude ao Ministerio de Defensa para a cesión do edificio do antigo hospital da Escola Naval Militar para reforzo como hospital de campaña no caso de colapso sanitario nos hospitais.
A Sra. Ramallo comprometeuse a dar traslado ás propostas pero o certo é que unha semana despois da xuntanza, seguimos sin recibir información e tendo coñecemento por medio da prensa á negativa a realizar un cribado masivo en Marín e que a alcaldesa xustifica dicindo que “en Marín é un crecemento lixeiramente mais sostido que noutros concellos”.
Dada a pasividade demostrada por parte do goberno municipal, o BNG realizou as xestións para solicitar ao Goberno Central que o Ministerio de Defensa poña a disposición do Servizo Galego de Saúde o antigo hospital da ENM de Marín, para facer fronte á situación sanitaria.
Temos que lembrar, que xa en marzo do 2020, o Deputado Nacional, Néstor Rego, solicitou poder utilizar estas antigas instalacións hospitalarias, ao que o Ministerio de Defensa denegara a solicitude alegando que a día de hoxe o edificio tiña un uso diferente. A realidade é que o uso deste edificio é como residencia de vacacións, polo cal esta negativa parécenos inxustificábel.
É por isto que case un ano despois, o Deputado do BNG Néstor Rego, volve a presentar unha iniciativa no Congreso solicitando o uso destas instalacións, xa que a infraestrutura atópase en boas condicións para ser rapidamente acondicionadas para o uso hospitalario.
A área sanitaria de Pontevedra atópase nunha situación extraordinaria con 2.166 pacientes de COVID activos, dos que 109 están en planta, 31 en UCE, 6 en residencias e algo mais de 2.000 en confinamento domiciliario.
Néstor Rego engadiu que para facer fronte á eventual situación de colapso das unidades de coidados intensivos e permitir ao mesmos tempo que siga manténdose a atención sanitaria a outros pacientes con outras patoloxías e enfermidades, é necesario habilitar de forma preventiva outras instalacións alternativas e é evidente que este antigo hospital da ENM é o mais adecuado paa isto, polo cal esperamos que nesta ocasión o Ministerio de Defensa atenda a solicitude do BNG e poña a dispor da cidadanía o uso sanitario destas instalacións.