O BNG presenta moción contra os abusos bancarios

lucia
lucia

Moción sobre incremento dos abusos bancarios contra as persoas consumidoras e o deterioro dos servizos financeiros en Galiza.

O BNG presenta moción contra os abusos bancarios

Nos últimos anos vimos como se agravaba o proceso de concentración e centralización bancaria, con graves consecuencias para Galiza. A crise financeira que estoura no ano 2008, no lugar de supoñer un cambio para reforzar a transparencia, a intervención e o control público para evitar novas burbullas financeiras, supuxo todo o contrario. Ademais do rescate bancario con fondos públicos (que non se recuperou, pois o propio Banco de España dá por perdidos máis de 42.000 millóns de euros) as medidas daquela impulsadas no ámbito do Estado español por parte de PP e PSOE supuxeron unha reestruturación que avanzou na concentración do sector, na destrución e precarización de emprego e no empeoramento dos servizos e das condicións para particulares e para pequenas e medianas empresas, impoñendo comisións abusivas, mantendo unha política comercial agresiva de colocación de produtos moitas veces dubidosos ou dificultando o acceso a crédito.

 

Este proceso, sostido no tempo, tivo ademais como consecuencia en Galiza a privatización e bancarización das antigas caixas de aforros e unha progresiva perda de galeguidade do sector financeiro que ten como un dos feitos recentes máis importantes a venda do Banco Popular ao Santander polo ridículo prezo dun euro no ano 2017.

Nestes meses vimos, por exemplo, como no medio do Estado de Alarma, no mes de marzo de 2020, Abanca incrementaba de forma substancial as súas comisións e cambiaba as condicións, motivo que no noso país levou a protestas e concentracións.

Nos primeiros meses de 2021 estamos vendo como diversas entidades volven incrementar as comisións. Así mesmo, contradicindo as normas de competencia as entidades pactaron horarios de caixa obrigando ás e aos usuarios a ir nas primeiras horas da mañá. Nalgúns casos, como é o do Banco Santander, é xa imposible pasar diante dunha sucursal sen ver enormes colas que non se explican pola limitación de aforo senón polo abuso na prestación de servizos e a falta de persoal.

 

A pandemia está a ser tamén unha coartada para obrigar á clientela, con independencia das súas condicións ou habilidades persoais, a empregar a banca virtual, abusando especialmente das persoas maiores ao convertelas en vulnerábeis financeiramente ao obrigalos practicamente a que terceiras persoas xestionen as súas contas. A gota que colmou o vaso foi a campaña publicitaria que Abanca tivo que retirar por presión social ao “convidar” aos noso maiores a empregar este soporte da mesma maneira que ven as e os netos na tableta. A campaña é só a punta do iceberg do que está acontecendo e do desamparo que sofren as e os consumidores, especialmente os máis maiores e as persoas con peores situacións económicas, que non son clientes interesantes para as entidades, que buscan elimitalos. O feito de Abanca retirar a campaña non está a supoñer un cambio no modus operandi desta ou doutras entidades.

Esta grave situación fai necesaria unha ampla resposta social e política ante a inacción do goberno central, de quen depende a regulación bancaria, ou do goberno da Xunta, que ten competencias exclusivas en materia de consumo que non emprega.

Por todos estes motivos, a Portavoz Municipal do BNG, Lucía Santos, rexistrou unha moción para trasladar ao vindeiro Pleno Municipal de Marín do mes de abril, solicitando instar ao goberno central a desenvolver as mudanzas oportunas no ámbito da regulación do sector bancario para dar resposta á escalada de abusos bancarios en materia de restricción de servizos, pacto de horarios para limitar os servizos de caixa, incremento de comisións e reducións drásticas de de oficinas e persoal.

Asímesmo, solicítase instar a Xunta de Galiza a desenvolver as súas competencias exclusivas en materia de consumo impulsando, ao abeiro do Instituto Galego de Consumo e da Competencias campañas colectivas de reclamacións bancarias, información ás persoas consumidoras e estudos propios sobre a vulneración dos seus dereitos. Ademais de expresar o apoio da Corporación Municipal ás xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores da banca en defensa dos postos de traballo e do mantemento dos servizos financeiros básicos no territorio galego e dirixirse ás entidades bancarias do concello para demandar o mantemento dos servizos.

O BNG presenta moción contra os abusos bancarios