O BNG presenta no Parlamento Galego máis de 500 sinaturas por unha sanidade presencial
Unha representación do BNG de Marín, encabezada pola responsábel local Jessica Souto e a portavoz municipal Lucia Santos e acompañadas polo deputado Paulo Ríos e a Vicepresidenta Segunda da Mesa do Parlamento Montse Prado, trasladouse ao Parlamento Galego para presentar as mais de 500 sinaturas recollidas no noso concello en defensa dunha atención sanitaria pública presencial, sen recortes e de calidade.
Unha representación do BNG de Marín, entregou hoxe máis de 500 sinaturas en defensa da sanidade pública e denunciando os recortes constantes e a mala situación sanitaria na que se atopa a veciñanza de Marín.
As sinaturas rexistráronse no Rexistro do Parlamento de Galiza, coa presenza da Vicepresidenta Segunda da Mesa do Parlamento e Deputada do BNG, Montse Prado e do Deputado moañés, Paulo Rios.
A veciñanza de Marín merece unha sanidade acorde ás súas necesidades, unhas necesidades ampliadas pola situación de crise sanitaria e que, en troques de ser atendidas constátase a continuación dos recortes, a falta de persoal e a baixada da calidade da atención primaria.
É por isto que o BNG de Marín leva meses convocando concentracións en defensa dunha atención primaria digna para a vila. “Desde o BNG de Marín faremos todo o posíbel para recuperar a atención primaria de calidade para a nosa vila, tanto nas rúas como nas institucións, e non pararemos até acadar o que a veciñanza de Marín merece e precisa”, salienta Lucía Santos, voceira municipal do BNG de Marín.