O BNG SOLICITA A SINALIZACIÓN E PROMOCIÓN DA PEDRAFITA DE CURRÁS
Lucía Santos, Portavoz Municipal do BNG, considera que “o goberno municipal do PP aplica a lei do mínimo esforzo en relación co noso patrimonio” Lucía Santos insiste por segunda vez na promoción deste resto arqueolóxico lembrando que “malia a importancia deste menhir de case 10 toneladas, de aproximadamente uns 4.500 anos e que presenta unha característica que o fai único e singular en Galiza, pois é o único que se atopou enteiro no noso país, chama moito a atención o estado de abandono no que continúa, sen ningún tipo de información que permita difundir a súa existencia e sinais que indiquen como chegar a el.”
A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, deu traslado na comisión informativa de cultura e patrimonio, celebrada o pasado mércores 31 de marzo, dun rogo solicitando a sinalización e promoción da Pedrafita de Currás, un menhir de aproximadamente uns 4.500 anos, cunha característica que o fai único e singular en Galiza: cunhas 9 toneladas e media de peso é o único que se atopou enteiro no noso país.
Xa no ano 2016, Lucía Santos informaba á Concellaría de Cultura e Patrimonio do estado de abandono no que se atopaba o menhir, rodeado de maleza e sen ningún tipo de sinalización nin panel informativo, facendo que resultara moi difícil para o público, incluída a veciñanza de Marín, ter coñecemento de que no noso Concello temos este magnífico exemplar da prehistoria, e practicamente imposíbel que alguén se achegara a velo.
A Portavoz do BNG lembra que “como consecuencia da solicitude do BNG colocáronse dous paneis informativos a carón do menhir, un dos cales está totalmente borrado na actualidade. Mais consideramos que actuación foi moi escasa, e por isto volvemos solicitar ao goberno municipal a sinalización e promoción da Pedrafita de Currás: restitución do panel en mal estado, así como difusión da súa existencia e colocación de sinalización en distintos puntos do concello informando do lugar no que se atopa a Pedrafita de Currás para poder chegar a el.”
Lucía Santos afirma que “no Concello de Marín contamos con importantes restos arqueolóxicos que forman parte da historia da nosa terra, elementos imprescindíbeis para unha mellor comprensión do noso pasado. Entre outras numerosas manifestacións propias de épocas máis achegadas aos nosos días existen numerosas mostras de época Neolítica, da Idade do Bronce e da Idade do Ferro, algunhas dunha importancia que trascende os límites do noso concello, entre as que podemos destacar o petróglifo coñecido como Labirinto de Mogor.”
E lembra que “amais deste importante petróglifo contamos cun bo número de gravados rupestres, como o Conxunto de Champás; de poboados da Idade do Ferro, como o Castro da Subidá; e de monumentos megalíticos, como a Mámoa de Chan de Armada e a Mámoa de Pedralonga, ou a mencionada Pedrafita de Currás.”
O Roteiro do Monte Penizas achéganos a través do seu percorrido a elementos de especial relevancia e interese do noso concello, como son o Castro da Subidá, o Monte Penizas coas fermosas vistas que nos ofrece desde o seu cumio da ría e da vila de Marín, as igrexas románicas de Santa María do Campo e Santo Tomé de Piñeiro..., e a Pedrafita de Currás.
Lucía Santos afirma que “non son moitos os menhires presentes en Galiza na actualidade, se ben no seu momento deberon ser numerosos, mais o paso do tempo pasoulles factura a este tipo de restos arqueolóxicos e provocou que na actualidade contemos con moi poucos no noso país. Amais estamos ante o único menhir atopado nunha soa peza en Galiza, unha gran pedra de case 10 toneladas.”
Para a Portavoz Municipal do BNG: “Malia a importancia deste menhir, que foi desprazado do seu emprazamento orixinal coa construción da circunvalación de Marín, sendo trasladado a unha finca próxima, chama moito a atención o estado de abandono no que continúa, sen ningún tipo de información que permita difundir a súa existencia e sinais que indiquen como chegar a el.”
Lucía Santos apunta que “o concello de Marín carece da máis mínima publicidade e infomación en relación coa existencia deste importante recurso arqueolóxico presente no noso concello. Deste xeito é practicamente imposíbel saber da súa existencia e que alguén se achegue a ver o menhir.”
E remata a Portavoz do BNG de Marín insistindo en que “esta situación parécenos absolutamente inaceptábel e denota unha falta de sensibilidade e desinterese por parte do goberno municipal en relación co noso patrimonio. Neste caso, o goberno municipal aplicou a lei do mínimo esforzo e cómpre lembrar que as administracións públicas son as primeiras que teñen que velar polo noso patrimonio, pola súa protección, promoción e divulgación, como así sinala a lexislación vixente. Se non se protexen, se non se coñecen, se non se difunden os elementos relevantes da nosa cultura e da nosa historia, a súa posta en valor resulta completamente imposíbel.”