Posición do BNG sobre o parque infantil e zona pump-track previsto na zona de O Souto.
O BNG de Marín considera necesario o cambio de localización do parque infantil e zona pump-track previsto para a zona de O Souto dentro do proxecto de mellora do saneamento do Río Lameira e situala na pista deportiva que xa hai na zona.
O BNG de Marín considera necesario o cambio de localización do parque infantil e zona pump-track previsto para a zona de O Souto dentro do proxecto de mellora do saneamento do Río Lameira e situala na pista deportiva que xa hai na zona.
Para o BNG é necesario preservar as poucas zonas verdes e de lecer que temos na vila de Marín así como evitar a xa excesiva urbanización das beiras do río Lameira no seu tramo urbano. E por iso que consideramos necesario cambiar a localización do parque e zona de pump-track presentado polo goberno municipal recentemente.
Esta proposta de parque englóbase dentro do proxecto de mellora do saneamento do Río Lameira aprobado polo pleno do Concello de Marín, unha actuación importante e necesaria para mellorar o tratamento das augas residuais no noso municipio.
O proxecto contempla a construción dun Deposito de Retención de augas pluviais na zona do Souto que ten como finalidade mellorar a recollida e xestión das augas pluviais que actualmente van en grande medida co resto das augas residuais, dificultando o seu posterior tratamento na Edar de Os Praceres. Este deposito ten previsto levar na súa parte superior o anunciado parque infantil e zona de pump-track, entendemos que para disimular o impacto visual e estético de esta estrutura de formigón.
Desde o BNG non comprendemos como se escolle unha zona verde para facer esta obra cando a poucos metros temos unha pista deportiva onde se podería localizar o Deposito de Retención, e aproveitar para arranxar estas pistas que actualmente non están nas mellores condicións. Temos que lembrar tamén que a uns poucos metros xa existe un parque infantil polo que teríamos unha duplicidade innecesaria.
Polo tanto demandamos que, tanto o Concello de Marín como Augas de Galiza, estuden o cambio de localización instalando o Deposito de Retención na actual pista deportiva para preservar unha zona verde de habitual uso e desfrute do pobo de Marín.