O BNG de Marín escolle a Jessica Souto como nova responsábel local

DSC_6173
Jessica Souto, nova responsábel local
O BNG de Marín procedeu á renovación do cargo de responsábel local, elexindo á compañeira Jessica Souto.
O BNG de Marín escolle a Jessica Souto como nova responsábel local

O BNG de Marín celebrou este pasado venres 29 de xaneiro unha Asemblea Local telemática na que se procedeu a renovar o cargo de Responsábel Local da organización, escollendo á compañeira Jessica Souto Loira, representante do BNG no CIM e integrante das listas do BNG nas pasadas eleccións municipais do 2019, nas que ocupou o terceiro posto na candidatura, así como tamén integrante da candidatura do BNG ao Senado nas eleccións ás Cortes Xerais de 2019.

Con esta renovación, Jessica Souto releva no cargo a Lucía Santos, quen asumiu o cargo de Responsábel Local a finais de 2019 de xeito provisional, tras substituír a Xurxo Agra do Pazo. Agardábase que no pasado ano 2020 tivese unha lugar unha Asemblea Nacional do BNG, tras a cal é preceptiva a renovación de todos os órganos da organización nos distintos niveis, e onde se elixiría unha nova persoa que desempeñara o cargo de Responsábel Local.

Mais a chegada da pandemia impediu a celebración da Asemblea Nacional, polo que a Asemblea Local do BNG decidiu proceder á elección dunha nova Responsábel Local, que puxese fin á situación transitoria, e en certo xeito anómala, de que a mesma persoa, Lucía Santos, ostentase os cargos de Portavoz Municipal e Responsábel Local.

Con este nomeamento o BNG de Marín reforza o reparto de funcións dividindo o traballo institucional e o traballo organizativo, e afortala a estrutura interna.

Ábrese unha nova etapa na que o BNG continúa coa súa afirme posta por unha organización dinámica e participativa, traballando polo ben da veciñanza de Marín, ofrecendo un proxecto transformador para construir un Marín mellor e aspirando a converter ao BNG na alternativa ao PP.

Malia a complicada situación sanitaria que estamos a vivir, o BNG ven mantendo un contacto directo coa veciñanza e entidades sociais, para dar voz e trasladar as propostas necesarias para mellorar a calidade de vida no noso concello, que pretendemos intensificar aínda máis nos vindeiros meses.

O BNG de Marín escolle a Jessica Souto como nova responsábel local