O BNG demanda que se reestablezan os límites de velocidade na PO-551 ao seu paso por Mogor
Os novos sinais instalados non respectan o carácter de travesía urbana
O BNG demanda que se reestablezan os límites de velocidade na estrada PO-551 ao seu paso pola parroquia de Mogor despois da instalación, por parte do Servizo de Estradas, de sinais que aumentan a velocidade a 70 en dirección Bueu-Marín na travesía urbana Aviador Calviño.
Ante a sorpresa dos veciños, e dende hai xa máis dunha semana, o Servizo de Estradas dependente da delegación da Xunta en Pontevedra, ven de instalar un sinal que aumenta o límite de velocidade na travesía Aviador Calviño, de 50 a 70 quilómetros por hora, informa a portavoz do BNG, Pilar Blanco.
O sinal, que está colocado inmediatamente despois da curva do matadoiro, contradí o límite establecido na dirección contraria, Marín-Bueu, de xeito que os condutores deben interpretar que poden circular até 70km/h se van en dirección Marín, mentres que se van en dirección Bueu o límite está a 50km/h. O límite a 50 reesetablecese en dirección Marín despois da curva da fonte de Mogor, engade a concelleira nacionalista.
Queremos pensar que se trata dun erro, máis o sinal leva instalado máis dunha semana sen que por parte, nin do Concello nin de Estradas, se dese orde de retirar o sinal ou simplemente ocultalo para non xerar contradicións. De ningún xeito se pode admitir que os vehículos poidan circular a 70km/h nunha travesía urbana como esta onde se concentra máis poboación ao borde da estrada.
Semáforo regulador de velocidade
A portavoz nacionalista informa tamén que o BNG solicitará que o semáforo existente na Avenida Aviador Calviño funcione como regulador da velocidade: actualmente o semáforo só detén o tráfico cando algunha persoa pulsa para cruzar, mais faise preciso que se active cada certo tempo para que funcione como regulador da velocidade como xa sucede en Seixo ou noutros puntos da PO-551.
Responsabilidades
Preguntámonos quen asumirá responsabilidades en caso de accidente ante esta contradición na sinalización, e onde está o concelleiro delegado de Tráfico do goberno local, xa que neste e noutros asuntos brilla pola súa ausencia.
Marín, 14 de xullo de 2014