O BNG demanda do concelleiro de Tráfico que aclare que tarifas deben instalar os taxistas
O Concello tampouco ten sinalados os límites urbanos imprescíndibles para a súa aplicación
A menos de quince días para que expire o prazo que marca a lei para a instalación e uso de taxímetro, o Concello de Marín aínda ten sen definir e sen aprobar as tarifas que os taxistas deben aplicar.
A portavoz do BNG, Pilar Blanco, solicitou explicacións ao delegado de Tráfico do goberno local do PP, Francisco J. Estévez Salazar durante a comisión informativa, unha vez que este asunto leva meses sobre a mesa, e que na comisión anterior, e tamén como resposta á preguntas do BNG, o señor Estévez manifestará que o expediente estába en trámite de audiencia unha vez que se remitira á Xunta para a súa aprobación e que despois daría conta ao Pleno.
Un mes despois desta resposta, e a só uns días de que expire o prazo aberto dende hai un ano pola Xunta, agora o concelleiro di que as tarifas seguen sen aprobar e non hai garantías de que se aproben dentro do prazo legal, afirma a concelleira nacionalista.
Obriga de instalación do taxímetro
A pesar da pouca preocupación que o señor Estévez amosa pola actualización dunhas tarifas que debe aprobar o Concello, os taxistas de Marín veñen de recibir unha notificación do propio Concello lembrándolles a instalación obrigatoria do taxímetro: A pregunta que se fan os taxistas é que tarifas deben instalar e cales son os límites urbanos, xa que o sistema de cobro mediante taxímetro realízase en base a unha tarifa urbana e outra inter-urbana que non lle foron comunicadas, sinala a portavoz do BNG.
Dáse a parodoxa de que recentemente o concelleiro do PP, José Cidrás, titular dunha licenza de Taxi, foi denunciado pola Policía Autonómica por non levar instalado o taxímetro. A defensa de Cidrás foi a de alegar en contra do Concello de Marín por non facer cumprir a lei autonómica.
Dobre gasto
Ademais do gasto do propio aparello taxímetro, a instalación das tarifas no mesmo suponlle aos taxistas un investimento a maiores deben aboar a empresa instaladora, e uns 45 adicionais da revisión posterior da ITV: As únicas tarifas que se poden instalar son as vixentes, pero estas poden aspirar nun prazo que os taxistas descoñecen neste momento, e no caso de ter que instalar unhas diferentes suporíalles un dobre gasto de preto de 100, cando a responsabilidade é do Concello por non ter actualizado as tarifas dende hai tres anos, afirma a edil nacionalista.
Prórroga
Dentro de todo este desorde, o concelleiro chegou a afirmar que no caso de non chegar a tempo para cumprir o prazo legal do 14 de xullo, solicitaría unha prórroga á Xunta para a aprobación de tarifas: Algo totalmente absurdo, xa que despois do 14 o Concello de Marín xa estaría fóra da lei para poder obrigar a súa instalación, afirma Pilar Blanco.