As chuvias do verán descobren a chapuza do camiño de Portocelo
As obras carecen de informes urbanísticos e alteraron o curso natural da auga
A portavoz do BNG, Pilar Blanco, denuncia que as precipitacións caídas na madrugada do sábado pasado descubriron a chapuza realizada no camiño peonil de Portocelo a iniciativa da concellaría de Turismo de Marín, dirixida pola popular, Cristina Acuña.
O proxecto foi aprobado polo Concello e adxudicado pola Deputación Provincial en base ao Plan de Investimentos 2012, a cal nomeou tamén a dirección de obra. O goberno local do PP non tramitou ningún informe sectorial nin urbanístico a pesar de tratarse de obras nun camiño singular e que actuaban sobre canais de rego.
Estas obras, que requiriron un investimento de máis de 20.000, alteraron o estado inicial do camiño, canalizando as aguas que antes circulaban a ceo aberto a través de tubaxes pechadas que resultaron ser inútiles para recoller a auga que conflúe nesta vaguada natural, afirma a portavoz do BNG Pilar Blanco.
Bastaron as primeiras precipitacións para que a auga buscase o seu camiño natural e arrasase con todo o material depositado. O xabre e a grava foi arrastrada pola auga e foi parar a moitas das fincas colindantes co camiño provocando unha verdadeira desfeita e deixando o camiño totalmente intransitable. Incluso as tubaxes quedaron á vista en moitos puntos, engade.
En realidade nin sequera se respectou o proxecto orixinal aprobado para executar, e en lugar de instalar unha canalización a ceo aberto de medios tubos de 400mm o que se instalou foron tubaxes soterradas e da metade de diámetro do aprobado no proxecto, afirma a concelleira nacionalista.
Preguntámonos onde estaba o director de obra nomeado pola Deputación, onde o técnico municipal que aprobou o proxecto e que foi nomeado directamente pola alcaldesa, e quen vai responder agora da desfeita e dos cartos públicos que foron literalmente polas fincas abaixo, pregúntase a portavoz do BNG.
Queixas veciñais
Durante a execución das obras o goberno local recibiu varias queixas veciñais nas cales se deixaba constancia de que o proxecto non respectaba a canalización orixinal e se desviaba a canle cara as fincas privadas, o cal produciría o asolagamento das mesmas: O goberno local fixo caso omiso destas advertencias, de xeito que agora os cascallos de grava e xabre acumúlanse nas fincas por onde pasou a enxurrada provocada por esta chapuza autorizada polo propio Concello, afirma a concelleira nacionalista
Accións do BNG
No seu momento o BNG, enxergando o que se viña enriba, remitiu unha copia do proxecto ao organismo autónomo Augas de Galicia: Fixemos o que tiña que haber feito o goberno local. No informe emitido polo xefe de servizo, que tamén recibiu o Concello, advertíase da necesidade de manter a circulación das augas, o cal a todas vistas non se respectou, finaliza Pilar Blanco.
Marín, 21 de xullo de 2014