O MAL FUNCIONAMENTO DAS BOMBAS DE SANEAMENTO PROVOCAN VERTIDOS NA PRAIA DE AGUETE
Vertidos fecais na Praia de Aguete
Unha representación do BNG de Marín, encabezada pola Portavoz Municipal Lucía Santos, visitou este sábado o peirao de Aguete para comprobar o estado da auga, contaminada polos vertidos fecais, así como da praia, na que se observaban os restos dos residuos en boa parte da mesma, incidencias causados pola treboada do pasado xoves.
Estes vertidos ao mar producíronse como consecuencia do mal funcionamento das dúas bombas de saneamento que se atopan en Aguete, que por falta de previsión e mal mantemento non funcionaron correctamente o pasado xoves, rebordando polas tapas dos sumidoiros augas fecais que chegaron ao mar contaminando as augas da Praia.
O BNG levará este tema á vindeira Comisión Informativa de Medio Ambiente para preguntarlle á concelleira Marián Sanmartín que accións se levaron a cabo desde o Concello de Marín para limpar o vertido, se é que se levou algunha, dado que 48 horas despois da treboada do pasado xoves a praia e as augas estaban completamente cheas de residuos, e se teñen pensado abordar esta problemática para poñerlle fin.
Dende o BNG informamos desta situación ao Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento galego para abordar este problema na Comisión de Infraestruturas e pedir explicacións á Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, pola falta de investimento en saneamento.
Resulta obvio que cómpre evitar que se continúen producindo vertidos incontrolados á ría, contaminando as praias cada vez que veñen treboadas, polo que é preciso actuar de urxencia para que non se repita.