Demandamos melloras nos accesos aos edificios da rúa da Estrada
As obras de humanización que se están levando a cabo na rúa A Estrada, teñen á veciñanza descontenta xa que o proxecto non contempla a realización de explanadas nas entradas dos edificios para facilitar a accesibilidade. Estes veciños mantiveron unha xuntanza co técnico da obra para solicitar as melloras ás entradas as súas vivendas, ao que a persoa encargada respostou que son os edificios os que se teñen que adaptar á nova beirarrúa.
Todos os edificios da rúa A Estrada xa contaban coas explanadas de acceso ás entradas, algunhas construídas dende hai mais de 30 anos, xa que a pendente desta rúa é bastante pronunciada.
Por todo isto, a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, solicitou no Pleno Municipal celebrado este pasado xoves 14 de xaneiro, que o Concello que é quen promove esta obra debe realizar as modificación que sexan precisas.
Primeiro, porque as explanadas xa existían con anterioridade á obra que se está realizando e en segundo lugar, porque a Administración Local ten a responsabilidade de velar para que non existan barreiras arquitectónicas que dificulten a mobilidade, polo que é responsabilidade do Concello realizar as melloras que sexan precisas para adaptar os accesos aos edificios.
En Marín, a 16 de Xaneiro do 2021.