O BNG celebra a aprobación da moción para a Canle Xabarín

OIP

Lucía Santos lamenta que cando se tratan iniciativas para a normalización do uso da lingua galega non saian aprobadas por unanimidade da corporación municipal.

O BNG celebra a aprobación da moción para a Canle Xabarín

O BNG de Marín trasladou ao Pleno Municipal, celebrado este pasado xoves día 11, unha moción na que se solicitou o apoio á Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística para a creación dunha canle “Xabarín Club” na TVG.

Ademais solicitabase instar ao Parlamento galego e á Xunta de Galiza a que tomen as medidas necesarias para aumentar a oferta en galego destinada á infancia e mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas de contidos audiovisuais, así como App actualizadas que conten ademais con programas e xogos co fin de garantir nesta canle en galego, a presenza de contidos atractivos, de éxito, actuais e pasados, así como contidos educativos e de produción galega.

A proposta saiu aprobada co voto do BNG e a abstención de PP e PSOE. En relación coa votación, a Portavoz Municipal do BNG, Lucía Santos, “lamenta que cando se tratan iniciativas para a normalización do uso da lingua galega non saian aprobadas por unanimidade da corporación municipal.”

Lucía Santos resalta que “os medios de comunicación da CRTVG teñen a finalidade de normalizar o uso da lingua galega e promocionar a nosa cultura, e na actualidade Galiza é a única comunidade do estado español que non conta con canle de emisión continuada con programación destinada ao público infantil e xuvenil. Existen a canle Clan, da televisión española, Super3 que é emitido pola televisión catalana, ou ETB3 que emite programación xuvenil en euskera. Pola contra, a rapazada da Galiza non conta con programación infantil dobrada ao galego.”

A Portavoz Municipal remata “temos unha corporación pública con boas e bos profesionais que cómpre dotar de máis e mellores medios técnicos para ser unha ferramenta eficaz e de primeira orde para a normalización lingüística na mocidade. Non hai ningún motivo para que a infancia e mocidade galega non conte coas mesmas opcións para a visualización de contidos audiovisuais de éxito na súa lingua que se vivise en calquera outro territorio do Estado.”

Dende o BNG seguiremos traballando para trasladar e dar voz a iniciativas que buscan algo tan lexítimo e básico como é vivir con normalidade en galego.

O BNG celebra a aprobación da moción para a Canle Xabarín