Posición do BNG sobre o proxecto de lei de cambio climático e transición enerxética

2021030407571742957
Paulo Ríos, deputado do BNG

O deputado do BNG Paulo Ríos, acompañado de representantes dos concellos do Morrazo, trasladou a posición do Bloque Nacionalista Galego sobre o proxecto de lei de cambio climático e transición enerxética que se está a debater no Parlamento do estado.
 

 

Posición do BNG sobre o proxecto de lei de cambio climático e transición enerxética

O Bloque Nacionalista Galego ven de realizar unha rolda de prensa na súa sede comarcal, situada na localidade de Moaña, para trasladar a posición da organización nacionalista sobre o proxecto de lei de cambio climático e transición enerxética que se está a debater no Parlamento do estado, da man do deputado nacionalista Paulo Ríos e das representantes do BNG das distintas localidades da comarca.

Este novo proxecto de lei está a causar unha grande preocupación no tecido pesqueiro e marisqueiro do noso país. Dende o BNG acreditan na necesidade de lexislar para favorecer unha transición xusta de cara ao uso de enerxías renovábeis que contribúan a reducir os gases de efecto invernadoiro e paliar no posíbel os efectos presentes e futuros do cambio climático.

Porén, o deputado nacionalista, Paulo Ríos, traslada que este proxecto de lei, no seu artigo 18, prexudica gravemente os sectores pesqueiro e marisqueiro do noso país, así como as actividades inducidas, como poden ser as depuradoras de marisco, cocedoiros, conserveiras etc, básicas para o mantemento do sector.

Aclara, Ríos, que o artigo 18 representa unha modificación na lei de Costas que entra en conflito directo coas necesidades da cadea mar-industria. Sinala, tamén, que a formación nacionalista ten impulsado diferentes iniciativas nas distintas institucións nas que ten representación, para intentar salvagardar os dereitos e as necesidades do sector ante este proxecto de lei.

Son varias as empresas do sector do mar na comarca do Morrazo afectadas que, de aprobarse este artigo 18, atoparíanse na situación de ter que abandonar as súas actuais localizacións.

“O estado ten que entender a necesidade de manter na súa localización ás empresas e actividades relacionadas directamente co mar, e non deixar que un sector tan importante para Galiza desapareza” afirma o deputado nacionalista.

Nese senso, o BNG presentou máis de 30 emendas a este proxecto de lei, na que foi incluída unha emenda de supresión do artigo 18, deixando a posibilidade de transáccionar esta emenda, excluíndo do artigo as actividades da cadea mar-industria, defendendo os intereses dun sector tan importante para o noso país, como é o pesqueiro e o marisqueiro.

Conclúe, Ríos, afirmando que “O BNG reafirma o seu compromiso coa retirada de ENCE da ría de Pontevedra, afectada tamén por este artigo, por tratarse dunha industria afincada en territorio marítimo pesqueiro sen ter ningún tipo de relación coas actividades da cadea mar-industria”

Posición do BNG sobre o proxecto de lei de cambio climático e transición enerxética