O BNG por unha AP-9 galega e sen peaxes
O BNG presenta unha moción coa finalidade de que o Pleno da Corporación Municipal manifeste o seu rexeitamento á subida das peaxes na AP-9 e para que inste á Xunta de Galiza a demandar a transferencia da autoestrada á administración galega.
O goberno do Estado, a través do Ministerio de Fomento, acaba de autorizar a Audasa unha subida extraordinaria durante os próximos 3 anos do 3,1% para todos os tramos da AP-9, e que vén representar o dobre do IPC.
A privatización da AP-9 no 2003 está a significar grandes incrementos das peaxes nunha infraestrutura que está en mans dun fondo especulativo norteamericano e que goza dunha concesión ampliada até o ano 2048 baixo o Goberno do PP presidido Aznar. Unha explotación que outorga grandes beneficios económicos por unha infraestrutura xa amortizada, como demostran os multimillonarios beneficios da empresa concesionaria. Beneficios que nin sequera repercuten na mellora do servizo. Non se mellorou a iluminación nin o asfaltado en moitos tramos e reduciuse drasticamente o persoal das cabinas de pago. Rexistra colas de horas en períodos estivais ou datas sinaladas sen se adoptaren medidas de ningún tipo.
O BNG leva demandando desde fai anos que se tomen medidas para que a AP-9 sexa unha vía de comunicación galega, de competencia do Goberno galego, e de acceso gratuíto para todas as galegas e galegos. Nomeadamente, o BNG presentou iniciativas tanto no Parlamento de Galiza como no Congreso dos Deputados para demandar, entre outras medidas, a súa transferencia á Xunta de Galiza e que se suprimisen as peaxes.
A AP-9 abrangue unha parte moi importante do territorio galego, ao conectar toda a franxa atlántica e catro das sete cidades galegas, mais depende do Goberno do Estado que mantén peaxes desorbitadas para as persoas con menos recursos e lastran o desenvolvemento de sectores económicos galegos.
Con todos estes precedentes, é necesario que a Xunta de Galiza deixe de mirar para outro lado e asuma as demandas da cidadanía galega. É precisa a supresión das peaxes, melloras na autoestrada, que remate a explotación privada da AP-9 e se converta nunha autoestrada pública e gratuíta de titularidade galega.
O ano pasado, o Parlamento de Galiza, por unanimidade das forzas políticas, aprobou a 'Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galiza', que foi remitida ao Congreso para a súa tramitación e aprobación final.
O Bloque Nacionalista Galego aspira a que desde Galiza se tome o control desa autoestrada para rematar coas deficiencias na súa xestión, as tarifas abusivas, os incrementos constantes e mesmo que sexa empregada como obxecto especulativo por parte de grandes fondos de investimento dados os altos beneficios que xera a custa do peto de sufridos usuarios e usuarias da AP-9.
Tamén, en febreiro deste ano, aprobouse unha iniciativa do BNG polo que o Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a demandar do Goberno do Estado a supresión da peaxe no treito da AP-9 Vigo-Rande.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG, solicita do Pleno da corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
-
Manifestar o rexeitamento á subida das peaxes na AP-9, instando á Xunta de Galiza a que demande a súa supresión.
-
Instar á Xunta de Galiza a que cumpra os acordos do Parlamento galego e demande do Goberno do Estado:
-
A transferencia da AP-9 á administración galega.
-
A supresión da peaxe no treito da AP-9 Vigo-Rande.
-
Trasladar o presente acordo aos grupos parlamentares do Parlamento de Galiza, presidente da Xunta de Galiza e presidente do Goberno do Estado.