O grupo de traballo para salvar Castiñeiras reunirase a vindeira semana
O grupo de traballo impulsado polo BNG-Asemblea Aberta está en marcha e reuniráse o martes da vindeira semana.
Despois de trasladar á Fundación Lago de Castiñeiras-Cotorredondo a nosa proposta, as comunidades de montes de San Xulián e Santomé valoraron positivamente a iniciativa e puxeron data para unha primeira toma de contacto. O encontro terá lugar o martes día 8 na Casa de Cultura e Montes de San Xulián e á mesma están convidados tamén os grupos políticos con representación municipal, informa a portavoz do BNG-AA, Pilar Blanco.
Seguimos firmes na idea de que os representantes municipais non debemos pasar ningunha oportunidade de poder impulsar a recuperación deste área e para elo resulta imprescindible sumar esforzos, algo que até agora non se fixo, engade.
Pola nosa parte non nos conformamos con que a Xunta compense a perda do Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe cun valado, ou que o Concello se limite a colaborar. Non podemos deixar a maior área recreativa de todo Galicia unicamente en mans das comunidades de montes. É preciso que as administracións se impliquen, máxime cando o deterioro actual é consecuencia precisamente da súa falta de atención. Non só non se fixeron novos investimentos senón que se están a perder os que se fixeron.
Pregunta parlamentar
O BNG xa presentou unha iniciativa parlamentar, que se suma a outras anteriores, solicitando explicacións sobre as razóns do traslado do Centro de Fauna de Cotorredondo e as súas consecuencias económicas para Marín. Algo que a día de hoxe aínda non fixo á alcaldesa, lembra a portavoz nacionalista.
Roteiros e charlas
Desde o BNG-AA aplaudimos as múltiples iniciativas impulsadas desde os colectivos e asociacións de Marín que, preocupados polo deterioro deste área, tratan de difundir a súa riqueza patrimonial e natural para concienciar á poboación en xeral da importancia da súa conservación.
A solución pasa por sumar forzas, a de todos e todas os que queremos que o noso patrimonio se conserve e á vez xere riqueza, finaliza Pilar Blanco.
Marín, 5 de marzo de 2016