MOCIÓN SOBRE O XENOCIDIO QUE O ESTADO DE ISRAEL ESTÁ A COMETER CONTRA PALESTINA
O Grupo Municipal do BNG presenta a seguinte moción relativa ao xenocidio que o Estado de Israel está a cometer contra Palestina, para o seu tratamento pola vía de urxencia no pleno ordinario do mes de agosto,
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Nas últimas semanas centos de persoas foron asasinadas en Gaza polo exército israelí como consecuencia das ansias imperialistas do Estado de Israel. A estratexia de aniquilación do pobo palestiniano non se limita a masacre dos últimos días, senón que a política xenocida practicada polo Estado de Israel, a base de detencións masivas, batidas policiais, asasinatos, destrución de casas e infraestruturas vitais para o pobo palestinano pode cualificarse como un crime de lesa humanidade.
Centos e centos de cidadáns e cidadás galegos/as e doutros lugares do Estado, solidarios co pobo palestiniano, manifestaron nestes días a súa raiba e a súa dor; o propio Parlamento galego aprobou, no pasado mes de maio, unha resolución unánime a prol do cumprimento das resolucións das Nacións Unidas para pór fin ao sometemento do pobo palestiniano e recoñecer os seus dereitos colectivos. Este acordo parlamentar de todas as forzas políticas galegas propuña camiñar cara á resolución dun conflito desigual onde un Estado poderoso esmaga un pobo, asasina mulleres e crianzas e planifica a eliminación total de quen só pretende vivir dignamente na súa terra.
Cómpre manifestar publicamente a necesidade de que cesen de inmediato as hostilidades e ataques contra o pobo palestiniano, porque o respecto á dignidade humana non é compatíbel co escenario de asasinatos, de destrución, de xenocidio calculado que o Estado de Israel está a exercer de maneira sanguinaria e cómpre entón que a comunidade internacional defenda os dereitos do pobo de Palestina e exixa do Estado de Israel o cumprimento da legalidade internacional, concretado nas múltiples resolucións do Consello de Seguranza da ONU que este país incumpre impunemente. Como galegas e galegos non podemos permanecer indiferentes, e por iso que denunciamos o silencio cómplice que consinte esta agresión militar contra o pobo de Palestina do Goberno español e da UE porque esta é a hora de expresar a máis enérxica condena perante a operación de limpeza étnica que o Estado de Israel está a perpetrar contra o pobo palestiniano na Franxa de Gaza con prácticas terroristas contra poboación civil desarmada que se teñen traducido na morte de moitas crianzas.
Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
- 1. O Concello de Marín condena o ataque criminal perpetrado polo Estado de Israel contra a faixa de Gaza e reclama que cesen de inmediato os ataques e bombardeos israelís contra o pobo palestiniano.
- 2. O Concello de Marín solicita a finalización do bloqueo contra a faixa de Gaza, así como o derrubamento do muro do apartheid que Israel está a construír na Palestina ocupada.
- 3. O Concello de Marín apoia o boicot diplomático, comercial, académico e cultural ao Estado de Israel mentres non cumpra a legalidade internacional e non respete os dereitos do pobo palestinano.
- 4. O Concello de Marín solicita ao Goberno español que abandone a súa actitude pasiva diante deste conflito e exixa ao Estado de Israel o cumprimento do Dereito Internacional e das resolucións que aprobaron as Nacións Unidas desde 1948, de reparto territorial, así como a resolución 194 que obriga a Israel a asumir o dereito ao retorno da poboación palestina a súa terra.
- 5. O Concello de Marín apoia os actos que se convoquen para expresar a repulsa social ao ataque criminal do Estado de Israel contra o pobo palestiniano da faixa de Gaza, e fai un chamamento á cidadanía deste concello, e á galega en xeral, para manifestar de maneira masiva nas rúas o rexeitamento a este xenocidio.
- 6. Dar traslado deste acordo ao presidente da Xunta de Galiza e ao presidente do Goberno español para que obren en consecuencia.
A portavoz municipal,
Pilar Blanco López
Marín, 30 de xullo de 2014