MOCIÓN RELATIVA Á DESAFECTACIÓN DA NAVE ALMACÉN SITUADA NA ZONA 5 DO PORTO DE MARÍN PARA DESTINALA A

MOCIÓN RELATIVA Á DESAFECTACIÓN DA NAVE ALMACÉN SITUADA NA ZONA 5 DO PORTO DE MARÍN PARA DESTINALA A

nave almacénwebO Grupo Municipal do BNG presenta a seguinte moción relativa á desafectación da nave almacén situada na zona 5 do Porto de Marín para destinala a actividades náutico-deportivas, para o seu tratamento polo Pleno da Corporación Municipal,

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

É o Ministerio de Fomento o organismo que  determina nos portos de titularidade estatal as zonas que se poidan destinar á integración porto-cidade. Na marioría dos portos, como é o caso de Marín, moitos espazos perderon a súa funcionalidade de xeito que poden admitir actividades vinculadas á cidade de xeito que non se prexudique o desenvolvemento futuro do porto.

Neste sentido, o BNG ven de propoñer, recentemente, a través das alegacións ao Plan de Usos do Porto, que se desafecte do seu uso portuario a nave almacén situada na zona este, lindante ao paseo Alcalde Blanco,  pasando a uso náutico-deportivo para dar cobertura aos clubs deportivos de piragüismo, remo, pesca deportiva…, afastando así a  actividade destas entidades da actividade portuaria e facilitando o acceso ao mar dende a cidade.

A alegación foi desestimada perdendo así unha oportunidade única de iniciar un proceso de integración porto-cidade que permita desenvolver actividades e proxectos comúns vinculados a todo tipo de equipamentos, neste caso concreto os vinculados ao deporte.

Sen embargo, con posterioridade á publicación da proposta do BNG, a Autoridade Portuaria anuncia a cesión de 3.000 metros cadrados de terreo no entorno da Praza de España(zona 5 no Plan de Usos), ao tempo que se refería á posible desaparción a medio prazo da nave almacén, xa que a titularidade é da Autoridade Portuaria e a empresa que a utiliza xa solicitou autorización para construír outra na zona de expasión, polo que cando quede sen uso pódese eliminar, atendendo á demanda do Concello.

Por outra parte, en reunión mantida recentemente entre representantes do Bloque Nacionalista Galego, e o presidente e director da Autoridade Portuaria de Marín, estes últimos recoñeceron perfectamente factible destinar esta zona á uso público, se ben se amosaron reticentes á reconversión da nave almacén propoñendo a construcción dun novo edificio a longo prazo.

Tanto o Concello como a Autoridade Portuaria, son coñecedores das dificultades que o “Club de Piraguismo Tambo”, como o de “Remo Ría de Marín”  están a ter para practicar con normalidade o seu deporte dentro do recinto portuario. Cada vez son maiores as restricións que se lle impoñen tanto para entrar como para saír do Porto e mesmo para acceder á lámina de auga debido a que as embarcacións deportivas deben sortear unha zona de tráfico de buques xa que as instalacións están situadas na zona central do Porto moi preto do muelle comercial.

Para o BNG é preciso que o Porto e o Concello se impliquen definitivamente na promoción destes deportes que tradicionalmente atraen a centos de aficionados e supoñen un atractivo moi importante para as vilas mariñeiras como Marín. Actualmente tanto o Club de Remo Ría de Marín como o Club de Piragüismo Tambo teñen unha moi significativa actividade e acollen a ducias de rapaces e rapazas que todos os anos se inician neste deporte e mesmo honran o nome de Marín cos triunfos acadados tanto dentro como fóra de Galicia.

A desafectación da nave almacén para destinala a uso náutico-deportivo daría cobertura aos clubs deportivos ao tempo que se afastaría  a  actividade deportiva da actividade portuaria, se achegaría o deporte á cidade e ao público, e se facilitaría o acceso ao mar aos deportistas.

Urxe polo tanto dar unha solución que pasaría pola recorvensión da nave almacén en nave náutico deportiva, unha vez que se faga efectivo o traslado da concesión de “PÉREZ TORRES MARÍTIMA, S.L.”, evitando a súa demolición en tanto non sexa factible a construcción dun novo edificio.

Polo tanto propoñemos ao Pleno da Corporación a adopción do seguinte acordo:

1.-Solicitar da Autoridade Portuaria de Marín, a cesión dos terreos, incluíndo a nave almacén situada na zona 5 do Porto de Marín, actualmente baixo autorización administrativa de “Pérez Torres Marítima, S.L.”, unha vez que poida reubicar noutra zona do porto cunha nova concesión ou autorización administrativa esa actividade.

2.- Solicitar da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra a non demolición da nave almacén actualmente baixo concesión de “PÉREZ TORRES MARÍTIMA, S.L.”, unha vez que quede sen uso.

3.-Unha vez sexa efectivo o fin da concesión actual, o Concello de Marín, solicitará da Autoridade Portuaria, a concesión do uso da nave almacen co obxectivo de levar a cabo a súa restauración e destinala a actividades náutico deportivas por parte dos clubs e asociacións de Marín.

4.-Iniciar, simultaneamente, as xestións necesarias para que o futuro plan de ordenación dos espazos públicos do Porto cotemple como uso prioritario nesa zona, o de actividades náutico-deportivas por parte dos clubs e asociacións de Marín, e polo tanto, dote ese espazo dunha nova instalación destinada a ese fin.

Esta instalación estará necesariamente vinculada ao futuro porto deportivo.

 

 

A portavoz municipal,

Pilar Blanco López

 

Marín, xuño de 2014

MOCIÓN RELATIVA Á DESAFECTACIÓN DA NAVE ALMACÉN SITUADA NA ZONA 5 DO PORTO DE MARÍN PARA DESTINALA A