Moción en apoio ás xustas reivindicacións laborais dos traballadores de Urbaser co obxectivo de evit

Moción en apoio ás xustas reivindicacións laborais dos traballadores de Urbaser co obxectivo de evit

 

O PP amósase incapaz de recoñer o seu fracaso na xestión da recollida do lixo

O Grupo Municipal do BNG presenta a seguinte moción relativa  ás xusta reivindicacións laborais dos traballadores de Urbaser co obxectivo de evitar unha posible folga que prexudique á cidadanía de Marín, para o seu tratamento, pola vía de urxencia, no pleno da corporación municipal que terá lugar o vindeiro día 10 de abril:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O pasado catro de marzo  os representantes dos traballadores e a xerencia de Urbaser, empresa concesionaria da recollida do lixo no noso concello, romperon o proceso de negociación sobre o convenio colectivo que os traballadores veñen reclamando dende finais do ano pasado a causa do bloqueo por parte da empresa.

Segundo os negociadores sindicais, a empresa xa incumprira o establecido na normativa laboral ao dilatar a comisión negociadora dous meses en lugar de un como marca o Estatuto dos Traballadores a pesar de que, en previsión de que a vixencia dos convenios colectivos remataba o 31 de decembro pasado, os traballadores xa reclamaran a principios dese mes a constitución da comisión negociadora, obtendo unha resposta negativa por parte da empresa.

Os traballadores veñen denunciando prácticas arbitrarias por parte de Urbaser que se concretan no incumprimento do convenio colectivo en relación ás retribucións de domingos e festivos, ou o encargo de tarefas de recollida e descarga a persoas alleas á plantilla de Marín, coa finalidade de evitar o pago destas retribucións. Á vez que demandan unha suba salarial, que entendemos xusta, sobre uns salarios que eles mesmos cualifican de miserables e que non superan os 840€ de media.

O pasado 24 de marzo, os traballadores concentrábanse ás portas do Concello, para amosar o seu malestar coa empresa, a cal se nega a reanudar as conversacións até que se resolvan os litixios co concello, motivo polo cal facían un chamamento ao goberno local para que se implicase no conflito e mediase co obxectivo de lograr un acordo.

Tal como afirmaban os propios traballadores, eles non son responsables das liortas entre Urbaser e o Concello, e non teñen porque pagar os pratos rotos.

Entre os obxectivos das protestas dos últimos días está o de lograr a implicación do goberno local no sentido de que intermedie entre empresa e traballadores para reactivar o proceso de negociación e evitar “problemas maiores”, en referencia sen dúbida a unha posible folga.

Por todo o anteriormente exposto, e en base a que as peticións dos traballadores para o novo convenio se centran na consecución de melloras salariais e sociais que recoñecemos xustas, e que o mellor escenario para a veciñanza de Marín e que se cumpran as súas exixencias e se asine un novo convenio, solicitamos do pleno da corporación a adopción dos seguintes acordos:

1.- O apoio do Pleno ás xustas reivindicacións dos tralladores de Urbaser.

2.- O Pleno da Corporación rexeita á actitude intransixente da empresa no proceso de negociación do novo convenio colectivo e demanda da mesma o reinicio das conversas.

3.- O Pleno da Corporación, respectando sempre a libertade de ambas partes (empresa e traballadores) na negoción, demanda a mediación da alcaldesa co obxectivo de desbloquear o proceso, e en aras a evitar un conflito laboral que prexudique á cidadanía de Marín.

Asinado,

Pilar Blanco López

Moción en apoio ás xustas reivindicacións laborais dos traballadores de Urbaser co obxectivo de evit